Os fados de María do Ceo, acompañados da Banda Municipal de Música, porán son ao Domingo das Mozas

Carmen Basadre avanzou esta actuación, que terá lugar o día 9 de outubro na Praza de Santa María

As Bandas de Lalín, Ponteareas, Ribadeo e Antas de Ulla amenizarán o Día do Ferrol, xornada na que terá lugar o tradicional desfile de gando

Venres, 26 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, avanzou este venres unha das actuacións que formará parte do cartel do San Froilán 2016, uns festexos que ven preparando a Comisión de Festas dende o pasado mes de marzo. Trátase do concerto da compositora portuguesa María do Ceo, cunha traxectoria musical de máis de 20 anos, que ofrecerá unha viaxe musical de Portugal a Galicia, acompañada da Banda Municipal de Música o 9 de outubro, Día das Mozas, na Praza de Santa María. Interpretará cancións dun lado e doutro do Miño, facendo referencia á tradición lusa e galega, con fados en portugués e temas populares e recoñecidos da tradición galega.

“Dende o Concello intentamos que os días de San Froilán sexan, ademais duns días de encontro ca familia e amigos, días nos que gozar cun gran abano de actuacións de todo tipo de estilos, para todas as idades e todos os públicos”, asegurou Basadre, quen anunciou tamén a actuación das das Bandas de Lalín, Ponteareas, Ribadeo e Antas de Ulla, que amenizarán o Día do Ferrol, o 8 de outubro, xornada na que tamén terá lugar o tradicional desfile de gando.

Neste senso, a edil lembrou que nesta edición do San Froilán se homoxeneizarán e regularán os espazos do feiral para facer máis atractivas estas festas. Crearase tamén un espazo multicultural para a integración de diversos colectivos. Este ano tamén se levará a cabo un concurso de fotografía e vídeo e manterase o concurso de polbeiros e polbeiras no Mercado Municipal.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a actuación de María do Ceo e a Banda Municipal no Domingo das Mozas | Descargar mp3

Noticias relacionadas