Os expertos acentúan a necesidade de que Lugo sexa a capital da romanización de Galicia co Museo no Cuartel de San Fernando

Os informes realizados no marco do deseño do Circuito Gallecia, que sería o segundo gran cultural de Galicia tras o Camiño, destacan a Lugo como punto de referencia e de partida.

Lara Méndez explicou os estudos á Plataforma MVRO, que aglutina a máis de 30 colectivos lucenses que reivindican o Museo, que ela impulsou como presidenta do Eixo Atlántico.

Ademais, a rexedora avanzou o compromiso do Ministerio de Cultura para impulsar o plan director e o museográfico do Cuartel, “xa que entendeu que é un proxecto de cidade”.

A alcaldesa instará á Xunta a que recupere o compromiso adquirido cos e coas lucense, que paralizou hai 9 anos, na vindeira reunión que manterá co presidente Alfonso Rueda.

Venres, 14 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os expertos acentúan a necesidade de que Lugo sexa a capital da romanización de Galicia co Museo no Cuartel de San Fernando

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo hoxe unha reunión coa Plataforma MVRO, na que se integran unha trintena de colectivos veciñais, empresariais e culturais en defensa da creación do Museo da Romanización de Galicia e do Noroeste Español nas instalacións do Cuartel de San Fernando, para explicarlles os pasos que está a dar para acadar “este obxectivo irrenunciable de cidade”.

Neste senso, explicou que, tras a negativa reiterada da Xunta para acadar o seu compromiso con Lugo, tras paralizar este proxecto hai 9 anos, o Concello busca o financiamento para impulsalo Museo, polo que se presentou o proxecto de rehabilitación en clave de eficiencia enerxética aos fondos europeos convocadas polo MITMA (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana), solicitando 12 millóns de euros para desenvolver o proxecto en dúas fases.

Así mesmo, avanzou o compromiso do Ministerio de Cultura, con cuxos responsables se reuniu a alcaldesa lucense para impulsar o plan director e o plan museográfico do Cuartel,  que complementen a rehabilitación, “xa que entenderon perfectamente que é un proxecto de cidade”. “Neste plans – apuntou a alcaldesa- deberá ter presenza a Xunta xa que é a propietaria das máis de 15.000 pezas arqueolóxicas almacenadas en distintas dependencias da cidade, e incluso, lamentablemente, nas casas dos propios arqueólogos”.

A alcaldesa comentou que volverá a pedirlle á Xunta que recupere o compromiso adquirido cos e coas lucenses na vindeira reunión que manterá co presidente Alfonso Rueda.

Acompañada do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e do arqueólogo Santiago Ferrer, Méndez presentou tamén un novo estudo elaborado con motivo do deseño do Circuíto Cultural da Romanización na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “que queremos que sexa o segundo gran circuíto cultural de Galicia tras o Camiño”, que recolle todo o potencial patrimonial e turístico tanto de Lugo, como das cidades galegas e do norte de Portugal.

Este informe resalta as potencialidades de Lugo para converterse no centro de cabeceira e de referencia do mundo romano en Galicia, para o que, segundo explica “resulta fundamental apostar decididamente, como xa leva anos a facer o Concello, pola creación do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando”.

Segundo o mesmo, “a rehabilitación deste inmoble para convertelo en Centro de Interpretación e Museo, un proxecto amplamente demandado, é fundamental, xa que a cidade necesita dun centro de referencia sobre o mundo romano tanto dende o punto de vista cultural, económico como turístico”.

O informe sinala así mesmo, a idoneidade deste edificio para acoller estas instalacións por atoparse dentro do recinto amurallado e inmerso no casco histórico da cidade, rodeado de puntos ou recursos arqueolóxicos abertos ao público, facilitando aos visitantes e turistas realizar un fácil e cómodo percorrido polas distintas fiestras arqueolóxicas, sotos visitables, centros de interpretación e museos que se atopan nas inmediacións.

Circuito Cultural Gallaecia

A alcaldesa, como presidenta do Eixo Atlántico, impulsou esta estratexia de promoción conxunta do patrimonio histórico de época romana de Galicia e do norte de Portugal a través do deseño do Circuíto Cultural Gallaecia, “no que Lugo, debido ao seu papel destacado pola súa riqueza patrimonial e valor arqueolóxico, será o punto de referencia, así como de partida para visitar outros recursos distribuídos polo territorio galego e que formarán parte deste circuíto”, sostivo Santiago Ferrer.

Segundo explicou Vázquez Mao “Lugo está chamado a ser, polas súas potencialidades, a Capital da Romanización de Galicia, e para iso necesita este Museo como centro de referencia, e non existe ningún gran museo sobre historia nas cidades que non estea ubicado na seu casco histórico”.

“Lugo debe prepararase para cando chegue o AVE de xeito que teña xa un Museo que permita aos visitantes quedarse varios días e, logo, desde a cidade, realizar outros itinerarios pola provincia e Galicia”, destacou.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Circuíto Cultural da Romanización | Descargar mp3
  • O arqueólogo Santiago Ferrer, sobre o Circuíto Cultural da Romanización | Descargar mp3
  • O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sobre o Circuíto Cultural da Romanización | Descargar mp3

Multimedia

  • Os expertos acentúan a necesidade de que Lugo sexa a capital da romanización de Galicia co Museo no Cuartel de San Fernando

Noticias relacionadas