Os axentes de dinamización turística de Lugo apoian o proxecto da Fábrica da Luz como Centro de Enogastronomía

O Plan de Sostibilidade Turística de Lugo impulsado pola Alcaldesa, Lara Méndez, presentado hoxe aos fondos europeos, incorpora suxestións da Mesa de Participación.

As asociacións de empresarios, hostaleiros, cociñeiros e comerciantes mandaron a súa adhesión ao proxecto, así como a Universidade, a Deputación e o Clúster de Turismo.

Das enquisas recollidas, os participantes apoian de xeito maioritario a creación do centro de enogastronomía, sendo a puntuación de 10 a resposta máis elixida.

Luns, 16 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os axentes de dinamización turística de Lugo apoian o proxecto da Fábrica da Luz como Centro de Enogastronomía

O plan de turismo sostible proxectado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que se presentou aos fondos europeos e que busca promover como principais atractivos o seu patrimonio histórico e natural a través da gastronomía como relato de cidade e coa Fábrica da Luz como un dos eixes principais de impulso, conta xa co apoio dos principais axentes de dinamización turística do municipio, así como de institucións e do propio Clúster de Turismo de Galicia.

A rexedora quere que Lugo sexa un destino referente para atraer un turismo de calidade e sostible, “co fin de seguir dando pasos neste importante sector económico pero evitando un crecemento turístico masificado e desestruturado”. Neste senso, destaca a importancia que ten a gastronomía lucense, co seu lema ‘... E para comer, Lugo’, “que queremos impulsar aproveitando que este ano a gastronomía é un factor prioritario nas políticas turísticas dos Gobernos central e autonómico e das axudas europeas convocadas polo Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.

Lara Méndez aposta pola recuperación do edificio da Fábrica da Luz como un Centro de Enogastronomía, que se poida xestionar a través dunha colaboración público-privada cos axentes da restauración e alimentación lucenses, onde se lle dará pulo aos produtos de proximidade e que contará, ademais, cunha vertente expositiva relacionada coa historia da cidade.

A convocatoria dos fondos de turismo busca tamén favorecer a transición verde, polo que “a estratexia está vinculada cos proxectos que xa temos en marcha para a recuperación da contorna do Miño, como son as actuacións de mellora da accesibilidade peonil e en bicicleta á zona fluvial e de dotación de novas infraestruturas, como as caldas ou a plataforma de baño.

Estas son as bases do proxecto, que a rexedora presentou aos principais axentes vinculados co turismo e a alimentación da cidade na Mesa da Participación que se creou para incorporar as súas suxestións e impulsar o plan, e que xa conta co apoio explícito das cartas remitidas pola Universidade de Santiago así como da súa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e da Cátedra do Pan e o Cereal, ademais das asociacións de Hostalaría e Turismo de Lugo e de Empresarios de O Ceao e As Gándaras, da Asociación de Cociñeiros de Lugo, da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Federación de Comercio, a Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, e do Balneario. Así mesmo, conta co aval do Clúster de Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo.

A Mesa da Participación foi especialmente receptiva ao proxecto deseñado e os seus integrantes fixeron chegar interesantes propostas, que se incorporaron, como a formación aos restauradores da cidade sobre a cociña romana castrexa, como elemento diferenciador e distintivo da cultura gastronómica propia, ou mesmo a instalación dun Museo do Pan, pola calidade e a proxección deste alimento.

O proxecto de reforzar o turismo de Lugo vinculado coa gastronomía e o seu percorrido histórico tamén foi especialmente ben valorado nas enquisas abertas a toda a participación cidadá, xa que á hora de preguntar por este eixo, nunha estimación do 1 ao 10, o 85% marcou unha puntuación igual ou superior a 8, e un 60% o determinou coa máxima puntuación. En canto á creación do Centro de Enogastronomía, a puntuación de 10 é a resposta máis elixida polos participantes, sendo 9 a seguinte opción cun maior número de adhesións.

Das 140 enquisas remitidas, un terzo dos participantes corresponderon a empresas e operadores no mercado turístico.

Así mesmo, máis do 80% dos enquistados ven tamén clave a promoción dixital que inclúe oproxecto que a alcaldesa de Lugo presentou á convocatoria dos fondos europeos Next Generation, así como o impulso da colaboración público-privada.

O plan sostible de Lugo como destino turístico foi presentado hoxe aos fondos europeos, e a rexedora, que tamén informou do proxecto á Xunta de Galicia, comprometeuse a manter a Mesa de Participación durante o seu desenvolvemento. Así mesmo, seguirá a manter encontros periódicos cos distintos axentes do sector, como ven realizando durante todo o mandato.

Noticias relacionadas