Obras pintadas suxeitando un pincel coa boca e o pé na nova exposición do Vello Cárcere

Carmen Basadre inaugurou a mostra itinerante, que reúne 35 obras de artistas internacionais. Permanecerá en Lugo ata o 10 de decembro

Xoves, 23 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Obras pintadas suxeitando un pincel coa boca e o pé na nova exposición do Vello Cárcere

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada do director da Asociación de Pintores coa Boca e co Pé en España, Ricardo Charfolé, inauguraron este xoves unha nova exposición itinerante de 35 obras de artistas internacionais que forman parte deste colectivo e que pintaron as súas creacións suxeitando o pincel coa boa e o pé. Permanecerá en Lugo, no Vello Cárcere, ata o 10 de decembro.

No acto, a edil enxalzou a valentía e a forza de vontade que se esconde detrás de cada trazo das obras que compoñen esta mostra. Así mesmo destacou a gran oportunidade que supón esta exposición para coñecer o traballo que se realiza neste colectivo.

Esta mostra reúne as obras, pintadas á técnica de témpera, acuarela, óleo, acrílico, ceniza en madeira ou técnica mixta, de artistas, con condición de socios ou socias da asociación, de España, Alemaña, Austria, Canadá, Xapón, EEUU, Polonia, Corea do Sur, Taiwan, Suíza, Indonesia, Dinamarca, Fracia, Reino Unido ou Grecia. Na exposición predominan os motivos paisaxísticos, aínda que tamén se poden atopar retratos ou obra abstracta. 

A asociación, que naceu a finais dos anos 50 e que na actualidade conta cunhas 900 persoas asociadas, finánciase a través das súas coñecidas postais e calendarios de Nadal. Venden en 45 países.

Horarios da exposición

A mostra, que é de acceso gratuíto, poderase visitar todos os días da semana, en xornada de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e en xornada de tarde, de 17:30 a 20:30 horas os martes, mércores e domingos; de 17:30 a 23:00 horas os xoves e venres, e de 17:30 a 22:30 horas os sábados.

Noticias relacionadas