O Vello Cárcere exhibe a súa transformación a espazo cultural de proximidade nun ciclo de conferencias en Barcelona

Carmen Basadre participou nas xornadas Un futuro para el pasado, nas que puxo en valor a rehabilitación das instalacións, que forman parte dun conxunto de espazos para acoller todo tipo de actos, pero que tamén resultan respetuosas coa negra historia que atesouran os seus muros, e especialmente, coas súas vítimas

Mércores, 14 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere exhibe a súa transformación a espazo cultural de proximidade nun ciclo de conferencias en Barcelona

A edil confía en que estes relatorios sirvan de referencia para a patrimonialización de edificios que tiveron un uso represivo; así como para intercambiar experiencias que poidan ser útiles para lograr unha xestión óptima destes espazos que pasaron da negrura da represión a un espazo de memorias

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participa este mércores no ciclo de conferencias Un futuro para el pasado, organizado pola entidade local barcelonesa no cárcere Modelo de Barcelona. Concretamente, Lugo está presente na mesa redonda sobre espazos culturais de proximidade, coa transformación dos cárceres, xunto con Ourense e Segovia.

Carmen Basadre fixo fincapé na relevancia deste tipo de encontros en torno a algo tan importante para o Concello como é a conservación do patrimonio É por elo que a edil agarda que este ciclo de conferencias sexa todo un éxito, á vez que confía en que sirva de referencia para a patrimonialización de edificios que tiveron un uso represivo; así como para continuar organizando xuntanzas co fin de intercambiar experiencias que poidan ser de utilidade para lograr unha xestión óptima destes espazos que pasaron da negrura da represión a un espazo de memorias.

No encontro, a Concelleira, quen deu a coñecer o municipio de Lugo, fixo un percorrido pola historia do Vello Cárcere. Comezou lembrando a orixe desta prisión, segundo cárcere modelo do Estado e primeira pertencente á orde panóptica, a mediados do século XIX, paralela a feitos políticos, lexislativos e sociais. A súa construcción, da cal se encargou Nemesio Cobreros, o comezo do traslado de presos, a organización deste centro en dúas zonas separadas e o rexistro de presos foi o inicio da exposición, seguida por gran expectación por todas as persoas presentes.

Carmen Basadre tamén falou do cambio supuxo a construción do Vello Cárcere para a cidade, que propiciou a apertura dunha nova porta na Muralla, a de Bispo Odoario, o acondicionamento do Xardín de Canalejas e a edificiación á súa beira do Seminario Maior e o Menor, así como a estación de autobuses e o aparcadoiro subterráneo da hoxe Praza da Consitución.

A exposición tamén tivo un oco para a conversión deste centro en Prisión Provincial no século XX, a súa cesión ao Ministerio de Xutiza, a construcción dun eficio anexo á fachada do centro e a expropiación por parte dos concellos que formaban o partido xudicial, co de Lugo ao frente, tras 94 de funcionamento do cárcere.

En canto á remodelación deste espazo, tras estar ocupada por varios servizos municipais como a Policía Local ou a Banda Municipal, Carmen Basadre lembrou o concurso de arquitectura convocado para a rehabilitación do Vello Cárcere como centro cultural, así como do proxecto gañador do concurso, dividido en dúas fases, a primeira delas relacionada coas dependencias carcelarias interiores e a segunda, o corpo de entrada administrativo. O Plan Urban, grazas ao que se acometeu a rehabilitación deste edificio, valorada en 5,5 millóns de euros, tamén centrou un anaco da conferencia.

Para rematar, a Concelleira marcou o 30 de marzo de 2017, día da apertura do Vello Cárcere, como un antes e despois en Lugo, facendo un repaso polo centro como espazo de memoria histórica e pola dinámica cultural que ofrece o Concello nestas instalacións que forman parte dun conxunto de espazos polivalentes para acoller todo tipo de actos, pero que tamén resultan respetuosas coa negra historia que atesouran os seus muros, e especialmente, coas súas vítimas.

Documento

Noticias relacionadas