O Vello Cárcere de Lugo abre as súas portas á cidadanía convertendo a historia en cultura

A apertura á veciñanza deste edificio como centro cultural supón o broche de ouro ao Plan Urban, que marcou un antes e un despois en Lugo, “unha inxección de orgullo directa ao corazón dos lucenses”, subliñou a Alcaldesa

“Recuperamos un espazo pechado, de dor, como un espazo de lecer e un lugar aberto", asegurou Lara Méndez, quen puxo en valor o traballo da anterior e da actual Corporación, así como da Deputación para transformar a cidade co Urban

O Vello Cárcere conta con zonas de exposicións, auditorio, biblioteca, ocioteca e salas de talleres. Un dos edificios está destinado á investigación arqueolóxica con zonas de traballo, almacén e área de documentación e consulta

Xoves, 30 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere de Lugo abre as súas portas á cidadanía convertendo a historia en cultura

O Vello Cárcere de Lugo abriu esta tarde as súas portas á cidadanía convertendo a historia en cultura e "recuperando un espazo pechado, de dor, nun espazo de lecer, e nun lugar aberto", tal e como subliñou a rexedora luguesa. Deste xeito, o Concello continúa a sumar espazos para a convivencia e para a veciñanza.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, foron as encargadas de inaugurar a rehabilitación deste edificio como centro cultural, nun acto no que tamén estiveron presentes membros da Corporación Municipal e o Presidente da Deputación, Darío Campos, entre outras autoridades, como os alcaldes ou representantes do partido xudicial.

Durante a súa intervención, Méndez valorou a importancia de conseguir fondos europeos "para transformar a vida dos veciños e veciñas conseguindo espazos e entornos máis amables en onde se desenvolva a parte fundamental do ser humano como animal social: o lecer". Nesta liña, a Alcaldesa insistiu na importancia do Plan URBAN, "unha inxección de orgullo directa ao corazón dos veciños e veciñas de Lugo", grazas ao cal se recuperaron para a cidadanía espazos como a Rúa San Marcos, a praza de O Cantiño, a praza de Porta Miñá ou a recentemente inaugurada Soto Freire; grazas ao cal se dotou a Lugo dun espazo aberto con identidade propia para vender os produtos autóctonos, a Praza de Abastos e o Mercado Municipal e grazas ao que Lugo ensina o seu pasado romano e castrexo a través de distintas ventás arqueolóxicas nas rúas.

A apertura á veciñanza deste edificio como centro cultural, supón tanto o broche de ouro a este plan, un programa de investimento de 13 millóns de euros que marcou un antes e un despois en Lugo, como a cristalización de oito anos de traballo, de distintos departamentos municipais e provinciais, así como da Corporación anterior, quen ideou este proxecto, co ex Alcalde Orozco á cabeza, e ás Concelleiras Ana Prieto e Carmen Basadre, encargadas de concluílo. Grazas a esta inxección económica de fondos europeos, que continúa a día de hoxe, a cidade emprendeu unha revolución de cambio nos seus espazos emblemáticos da cidade que permitiron transformalos, mantendo sempre o seu valor histórico e cultural. A do Vello Cárcere foi a actuación de máis orzamento dentro deste plan, uns 5,5 millóns de euros.

Darío Campos tamén remarcou o cambio da cidade grazas ao Urban, "un ambicioso programa de intervención urbana que supuxo a transformación de Lugo nunha cidade aínda máis aberta e orgullosa do seu pasado histórico". Ademais, definiu este plan como exemplo de boa xestión dos fondos europeos e dos logros que son capaces de acadar as administracións cando traballan na mesma dirección, como o fixeron neste caso o Concello e a Deputación.

Primeiros contidos
Para a Alcaldesa, o edificio inaugurado hoxe, que pertence ao acervo da cidade desde 1887, cando Nemesio Cobreros ideou este centro penal, convértese agora no epicentro da cultura lucense para os 98.134 veciños e veciñas. Lara Méndez tamén “convidou a toda a veciñanza a gozar do que é público, do que é de todos, como o Vello Cárcere”.

Nesta liña incidiu Carmen Basadre, quen destacou que hoxe "se abren as portas da liberdade a un espazo que servirá para dar renda solta á cultura, á creatividade, á imaxinación e tamén á iniciativa". Así mesmo, emprazou aos e ás luguesas e visitantes a asistir mañá á inaguración da exposición Un cárcere, unha porta e un xardín, a partir das 20:00 horas, que aborda a historia da prisión, coa posterior actuación da orquestra de música clásica Lugo Camerata (LUCA), a primeira orquestra profesional de Lugo, xunto á pianista Maite Belón. Ademais Lugo Camerata ofrecerá outro concerto o 8 de abril, e o día 28 abrirase unha mostra sobre a memoria histórica do cárcere, coa que colabora a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Ese mesmo día, haberá intervencións nas celdas de importantes artistas do país.

Horario
O horario de apertura que terá o centro é o seguinte: os luns, de 11:00 a 14:00 horas; martes e mércores, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas; xoves e venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 23:00; os sábados, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 22:30; e os domingos, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas.
O Vello Cárcere conta con zonas de exposicións, un auditorio, biblioteca, ocioteca e salas de talleres. Un dos seus edificios está destinado á investigación arqueolóxica con zonas de traballo, almacén e área de documentación e consulta de investigadores. O traballo de rehabilitación do edificio conseguiu manter a súa estrutura e a súa memoria, pero dándolle ao mesmo tempo unha nova vida cultural e didáctica.

Multimedia

  • O Vello Cárcere de Lugo abre as súas portas á cidadanía convertendo a historia en cultura

Noticias relacionadas