O Vello Cárcere celebra a primavera cun Mercado Cultural

Carmen Basadre deu a coñecer esta nova actividade que acollerá este centro municipal, que engrosa ademais a programación cultural de Lugo. Celebrarase do 16 ao 21 de abril, nas celas de mulleres, en xornada de mañá e de tarde

O Concello convoca 16 prazas neste mercado, para as seguintes disciplinas: pintura/ilustración, fotografía e/ou vídeo creativo, escultura, artesanía; deseño de moda, deseño de xoias, complementos e diversos

Para participar é necesario que as persoas interesadas remitan un portfolio dixital, xunto cunha copia do DNI e datos persoais a vellocarcere@concellodelugo.org. A data límite de inscrición é o luns, 8 de abril

Mércores, 03 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere celebra a primavera cun Mercado Cultural

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer unha nova actividade que acollerá o Vello Cárcere organizada polo Concello, que engrosa ademais a programación cultural de Lugo. Trátase do Mercado Cultural de Primavera, que se celebrará nas datas de Semana Santa, concretamente do 16 ao 21 de abril, nas celas de mulleres deste centro sociocultural e que ten por obxectivo apoiar á industrial cultural da cidade, ao tempo que se ofrece un espazo gratuíto para promover o talento creativo e achegar a arte, a artesanía e o deseño á veciñanza luguesa.

O Concello convoca 16 prazas (dúas por categoría) neste mercado, para as seguintes disciplinas: pintura, debuxo ou ilustración; fotografía e/ou vídeo creativo; escultura, artesanía, deseño de moda, deseño de xoias e complementos; e un concepto de diversos para propostas que non se encadren nas anteriores categorías. Cada persoa participante poderá presentarse nunha única categoría. As e os artistas seleccionados deberán cumprir o horario durante a totalidade dos días establecidos e a non deixar o seu posto desatendido.

O Mercado Cultural de Primavera, que xurdiu do Encontro de Xóvenes Creadores e Creadores celebrado a finais do pasado ano neste espazo, poderase visitar de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas, e ata as 22:30 horas os días 18, 19 e 20 de abril. Para poder participar é necesario que as persoas interesadas remitan un portfolio dixital da súa proposta artística, que inclúa un mínimo de 5 arquivos de imaxe, audio ou vídeo, xunto cunha copia do DNI e datos persoais ao enderezo electrónico vellocarcere@concellodelugo.org. A data límite para enviar a documentación será o vindeiro luns, 8 de abril.

Máis info

Audio

  • A edil Carmen Basadre, sobre o Mercado Cultural de Primavera | Descargar mp3

Noticias relacionadas