O turismo segue medrando: Máis de 2.000 visitantes na ponte do 15 de agosto, un 20% máis que no do 2016

Pola Oficina Municipal de Turismo pasaron case un 15% máis de visitantes que na última ponte de xullo

“As cifras non poden ser mellores, xa que o mes de agosto adoitaba ser máis baixo en visitantes, pero aínda así non nos conformamos; temos que seguir traballando para impulsar máis o noso patrimonio”, asegura Carmen Basadre

Xoves, 17 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo este xoves balance da afluencia turística durante a ponte festiva do 15 de agosto, asegurando que Lugo segue obtendo “uns moi bos datos, xa que máis de 2.000 persoas pasaron entre o pasado venres e martes pola Oficina Municipal de Turismo, case un 20% máis que as mesmas datas do pasado ano”.

Nesta ponte de agosto, a máis festiva do ano, no centro de atención a turistas atendéronse un 15% máis de visitantes con respecto á ultima ponte, a do 25 de xullo, unha cifra récord nestas datas. O luns 14 foi o día que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, con preto de 500, seguido do venres 11, con máis de 430.

“As cifras non poden ser mellores, xa que o mes de agosto tradicionalmente adoita ser máis baixo en visitantes, pero dende logo non nos conformamos con iso, temos que seguir traballando por impulsar o noso patrimonio e dalo a coñecer máis, xa que temos un potencial importantísimo, como a Muralla ou o Camiño Primitivo”, afirmou a edil, que quixo lembrar que “queremos que se recoñeza e promova a Vía Rexia do Norte, que conflúe co Camiño Primitivo, para atraer moitos máis turistas á nosa cidade”.

Dos máis de 2.000 turistas, 1.736 foron visitantes nacionais. Dentro da comunidade galega, os visitantes máis interesados por Lugo nesta ocasión foron os pontevedreses. Polo que respecta a turistas foráneos, achegáronse máis de 190 en cinco días, dos cales 160 son europeos. Tamén visitaron Lugo uns 27 americanos.

Audio

  • A edil Carmen Basadre, sobre os datos de Turismo na cidade | Descargar mp3

Noticias relacionadas