O tirón turístico da última ponte festiva en Lugo: máis de 2.200 visitantes

As visitas á Oficina Municipal de Turistmo incrementáronse nun 16% con respecto ás mesmas datas do pasado ano

Para Carmen Basadre, estes datos confirman o incremento paulatino e constante que se ven producindo no turismo da nosa cidade ao  longo dos últimos anos

Martes, 12 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo recibiu na Oficina Municipal de Turismo e na rede museística municipal máis de 2.200 turistas na última ponte, a da Constitución, mantendo o tirón turístico con respecto ás derradeiras datas festivas e ao longo de todo o ano. Así o indicou este martes a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen destacou que estes datos confirman o incremento paulatino e constante que se ven producindo no turismo da nosa cidade ao  longo dos últimos anos.

A Concelleira destacou o incremento, nun 16%, de turistas que se achegaron á Praza do Campo nos últimos días con respecto ás mesmas datas do pasado ano. O día que máis visitantes se desprazaron á Oficina Municipal de  Turismo foi o día 7 de decembro, preto de 190, atendendo o 64% das persoas visitantes ao mediodía.

Basadre enxalzou a consolidación do turismo nacional, posto que durante os últimos 8 días, tanto pola oficina municipal como polos museos, pasaron 1.655 visitantes nacionais, o que supón o 75% do total. Dentro da comunidade galega, os turistas máis interesados por Lugo foron os coruñeses e pontevedreses. Polo que respecta a turistas foráneos, foron máis de 660 os que quixeron coñecer Lugo, dos cales destacan os europeos. Tamén visitaron a cidade 38 americanos.

No que a rede musesística se refire, entre o 3 e o 10 de decembro, o centro máis visitado foi a Domus do Mitreo, seguido da Casa dos Mosaicos, que incrementou as visitas con respecto á ponte da Constitución do ano pasado un 21,5%. A maiores dos museos hai que sumar as numerosas visitas ao centro cultural do Vello Cárcere, que acolleu nestas datas exposicións, lecturas públicas de poemas e dúas sesións de cinema mudo con música en directo. 

Audio

Noticias relacionadas