O próximo luns, 20 de xullo, remata o período de pagamento voluntario do IBI

A edil de Gobernanza lembra que o cobro da taxa, que supón uns ingresos de 22 millóns de euros para o Concello, aprazouse un mes para non asfixiar ás familias e ao tecido empresarial logo da pandemia

Esta é a primeira vez que se varía o calendario fiscal local dende 2012

A medida, xunto ás axudas directas do Plan Reanima, súmase a outras xa adoptadas polo goberno de Lara Méndez para combater as consecuencias económicas da crise sanitaria

Venres, 17 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O próximo luns, 20 de xullo, remata o período de pagamento voluntario do IBI

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, lembraba hoxe á cidadanía que o próximo luns rematará o período voluntario para o pago do IBI.

“Todas aquelas persoas que non teñan domiciliado o Imposto de Bens Inmobles poderán abonalo, segundo as formas de pago recollidas na Ordenanza Fiscal Xeral do Concello de Lugo, ata o vindeiro día 20 de xullo, dentro do prazo establecido este ano para proceder ao seu pagamento”, indicou.

A edil recordou que a emisión do recibo postergouse un mes, con relación ao calendario tributario local – que se mantivo invariable dende o ano 2012 – para protexer a liquidez das familias, emprendedores e negocios, logo da pandemia, e permitir a recuperación financeira da veciñanza e tamén do empresariado local.

A medida, supón o aprazamento duns ingresos para as arcas municipais, estimados en torno aos 22 millóns de euros, xa que se trata da taxa máis cuantiosa das que recada a institución.

“Estamos a atravesar un contexto complexo onde case todas as economías domésticas e os sectores produtivos se resentiron, en maior ou menor medida, das consecuencias derivadas da crise sanitaria e do confinamento ao que obrigou polo que, dende o executivo, entendemos que, neste momento, a cidadanía precisaba reter eses cartos máis que a administración que, afortunadamente, dispón dunhas contas totalmente saneadas”, subliñou Paula Alvarellos.

A este respecto, a responsable da área económica sinalou que “este exercicio non só se permitiu adiar o pago do IBI senón que tamén se posibilitou tramitar a súa domiciliación ata o 31 de maio, e de xeito telemático, para facilitar as xestións. E, naqueles casos nos que se fracciona, o segundo semestre poderá abonarse até o 15 de setembro”, engadiu ao tempo que apuntou que todas estas datas figuran recollidas no BOP correspondente e tamén nos anuncios oficiais publicados por Facenda Local nos principais diarios da provincia trala emisión do padrón.

A iniciativa súmase a outras xa adoptadas polo goberno de Lara Méndez entre as que se atopa o aprazamento doutros gravames, a cancelación das taxas dos servizos que non se puideron prestar durante o Estado de Alarma e mesmo a exoneración dos alugueres nos viveiros municipais (Tinería e CEI – Nodus) así como os dos postos comerciais da Praza de Abastos e o Mercado ou das taxas por ocupación da vía pública coas terrazas, alén da concesión de tres millóns de euros en axudas directas a través do Plan Reanima, que terá continuidade.

Noticias relacionadas