O pregón do San Froilán comezará cun canto aberto d'O Carro, de Fuxan os Ventos

O Tenente Alcalde anunciou a iniciativa aberta á veciñanza que contará coa dirección de Fernando Jácome e Bruno Villamor e será acompañada por integrantes de Fuxan os Ventos

Arroxo: "A última nova da Xunta a respecto do San Froilán demostra o desprezo do Partido Popular á gran festa do outono galego"
Luns, 29 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O pregón do San Froilán comezará cun canto aberto d'O Carro, de Fuxan os Ventos

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou á entrada do pleno que o San Froilán 2025 comezará cun canto aberto da canción O Carro, de Fuxan os Ventos, durante os actos do Pregón das festas que comezarán ás 12:00. O Pregón deste ano correrá a cargo da cargo da xornalista Cristina Lombao. Arroxo explicou que esta iniciativa "aberta a toda a veciñanza contará coa dirección de Fernando Jácome e Bruno Villamor, e as persoas asistentes recibirán partituras do tema a interpretar". Arroxo afirmou que "contaremos tamén con integrantes de Fuxan os Ventos para dar o mellor inicio musical á gran festa do outono galego de 2025".

Rubén Arroxo afirmou de novo que "a Xunta de Galiza maltrata ao San Froilán" e afirmou que "non é só unha cuestión de financiamento, estamos a ver como seguen a atrasar o final dunha obra que tería que estar rematada hai meses e que vai afectar ao desenvolvemento das festas". 
 
Os traballos que está a executar a Xunta na praza de Santa María foron prorrogados "cinco días que van supoñer un traballo extra para o San Froilán", explicou Arroxo. Segundo os datos publicados pola propia Xunta no portal contratosdegalicia.gal, as obras contaban cun prazo de execución de 6 meses, desde o inicio das obras o pasado 1 de febreiro. "Agora vemos un novo atraso no que se converte xa nun novo ataque ás festas de Lugo", afirmou Rubén Arroxo.
 
Aínda así, o Tenente Alcalde afirmou que "os distintos departamentos municipais están traballando para a afectación desta obra se limite a nunha pequena baixada da cabida da praza de Santa María".
 
Na cuestión económica, a colaboración nos últimos anos da Xunta de Galiza ao San Froilán é de 25.000€, cantidade que Arroxo volveu cualificar como "unha cantidade irrisoria para as festas máis importantes de Lugo" e engadiu "este ano investíronse 3.025.000€ no Son do Camiño, e ano a ano vemos como a Xunta gasta centos de miles de euros en actividades fóra de Lugo mentres deixa ás nosas festas máis importantes cunha aportación ínfima".
 
Audio
  • Rubén Arroxo, sobre o canto aberto d'O Carro, de Fuxan os Ventos | Descargar mp3
  • Rubén Arroxo, sobre a praza de Santa María | Descargar mp3

Multimedia

  • O pregón do San Froilán comezará cun canto aberto d'O Carro, de Fuxan os Ventos

Noticias relacionadas