O obradoiro Cultur@Lvcvs, que mellorará as oportunidades de inserción laboral de 23 desempregados, arrancará o 1 de agosto

A Xunta de Goberno aprobou a posta en marcha do plan. Hoxe publicaranse as bases na web do Concello para a selección dos beneficiarios

A iniciativa “aproveita as potencialidades da nosa cidade en cultura e turismo para crear emprego e riqueza”, subliñou Miguel Fernández

Mércores, 24 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo deu este mércores luz verde á posta en marcha do obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs, grazas ao que 23 desempregados do Concello recibirán durante medio ano formación especializada en cultura e turismo para mellorar a súas oportunidades de acceder ao mercado laboral. O voceiro municipal socialista, Miguel Fernández, subliñou que con esta iniciativa “aproveitamos as potencialidades da nosa cidade para crear emprego e riqueza”.

Fernández avanzou que hoxe se publicarán na web do Concello (www.lugo.gal) as bases para a selección dos beneficiarios do obradoiro, que, segundo as previsións, se desenvolverá entre o vindeiro 1 de agosto e o 31 de xaneiro. As persoas que queiran optar a este obradoiro teñen que dirixirse ás oficinas de emprego. A selección terá lugar en xullo.

O obradoiro Cultur@Lvcvs conta cun orzamento de 204.318 euros e ten unha duración de seis meses, que inclúen prácticas na rede museística municipal.

Contará con tres especialidades: Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais (con 8 prazas); Interpretación e Educación Ambiental (con 7 prazas); e Promoción Turística Local e Información ao Visitante (con 8 prazas). O obxectivo é a creación e desenvolvemento de proxectos de animación cultural que busquen a promoción de actividades, a creación dunha canle cultural pública e virtual, a creación e desenvolvemento de visitas guiadas en contornas naturais e as principais características medioambientais da zona, e tamén a atención e asesoramento dos visitantes ante a solicitude de información turística e a planificación dunha campaña turística.

Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

O Concello de Lugo xa ten experiencia no desenvolvemento deste tipo de obradoiros, como foi o Arqueo Lvcvs e o Vrbs Lvcvs, que permitiron dixitalizar unha parte importante do patrimonio histórico e documental lucense.

Todoterreo para Protección Civil

Na xuntanza de hoxe, aprobouse á subministración dun todoterreo mediante renting para o servizo de Protección Civil, así como o prego de prescricións e cláusulas que rexerán a contratación, que se adxudicará por procedemento aberto.

A duración do contrato será de 2 anos, con opción de prórroga por outros dous, e o custe estimado é de 23.232 euros. Como é habitual, o anuncio da licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no Perfil do Contratante do Concello.

Outros asuntos

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a autorización de servizos extraordinarios ao persoal da Unidade Administrativa e do Gabinete de Tráfico da Policía Local durante o mes de xullo co fin de garantir ambos servizos durante as vacacións de verán.

Tamén acordou diversas cuestións ordinarias relacionadas con contratos de prestación de servizos do Concello. Deste xeito, segundo explicou Miguel Fernández, acordouse  a prórroga de contratos, por un lado o da prestación do Servizo de Atención Telefónica aos Cidadáns (010) e actualización dos datos dos servizos municipais da páxina web do Concello (www.lugo.gal); e, por outro, o de prestación de 22 prazas de centro de día para a atención de persoas maiores, actualizando ademais os prezos deste servizo segundo o IPC. Ámbalas dúas prórrogas contan coa aprobación do xefe de servizo correspondente.

No caso dos Servizos Sociais, explicou o voceiro socialista, “estamos pendentes de se a Xunta de Galicia asume as competencias neste eido. Por iso, a duración máxima dos contratos relacionados con esta materia, Servizos Sociais, sempre é ata o 31 de decembro, data na que o Goberno galego ten que clarificar as competencias”.

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a revisión ordinaria, para este ano, dos prezos segundo o IPC do servizo de cátering dos usuarios do centro de día Novo Antonio Gandoy. 

Audio 

Noticias relacionadas