As seis cámaras comezarán a funcionar de xeito inminente, unha vez que os axentes da Policía Local completen a súa formación no sistema.
O dispositivo, máis versátil que os sistemas convencionais, conecta a aplicación de control de tráfico coa xestión integral de seguridade.
"Este sistema supón un salto cualitativo na xestión do tráfico e a seguridade viaria, ofrecendo unha resposta máis rápida e eficaz ante calquera incidencia", destacou a alcaldesa, Paula Alvarellos.

O novo sistema de control de tráfico nos polígonos de O Ceao e As Gándaras comezará a funcionar de xeito inminente, unha vez que os axentes da Policía Local finalicen a súa formación. "A nosa prioridade é dotar de máis ferramentas á Policía Local para mellorar a seguridade viaria e a xestión do tráfico nestas zonas clave para a actividade económica de Lugo", explicou a alcaldesa, Paula Alvarellos.
O dispositivo estará formado por seis cámaras situadas en puntos estratéxicos: na avenida de Benigno Rivera, na súa confluencia con Infanta Elena, nas inmediacións da rúa Agricultura e na rúa das Comunicacións, preto da rúa dos Carros. Estas localizacións permitirán cubrir amplamente o tránsito de vehículos entre ambos polígonos e os seus enlaces coas vías de comunicación principais.
Este novo sistema de control de tráfico destaca pola súa maior versatilidade fronte ás cámaras convencionais, xa que interconecta a aplicación de control de tráfico da Policía Local coa súa plataforma de xestión integral de seguridade. Segundo explicou o inspector da Policía Local, José Manuel Río, "o sistema estará vinculado coa base de datos da DGT, permitindo o aforamento de vehículos, a identificación das súas etiquetas de distinción ambiental e, en caso de necesidade ante unha incidencia relevante, o cribado de vehículos atendendo a criterios como a hora de tránsito, a marca, o modelo, a matrícula ou a cor".
Ademais, as cámaras están equipadas cun sistema de alarma antisabotaxe conectado cunha central receptora, garantindo unha resposta inmediata ante calquera incidencia. Toda a información recollida será accesible en tempo real polos axentes da Policía Local, mellorando a súa capacidade de reacción ante posibles situacións de emerxencia ou alteracións na circulación.
Alvarellos subliñou que esta medida responde á aposta do Goberno local pola seguridade e a modernización dos polígonos industriais. "Este sistema supón un salto cualitativo na xestión do tráfico e a seguridade viaria, ofrecendo unha resposta máis rápida e eficaz ante calquera incidencia", concluíu a rexedora.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a circulación nos Polígonos | Descargar mp3

