O IX Street Market achegará o mercado á rúa o 13 de setembro a través de 91 establecementos da cidade

Carmen Basadre, Pilar García, Nora Real e José María Seijas presentaron unha nova edición deste evento, que sacará os produtos á rúa con importantes descontos

Venres, 09 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O IX Street Market achegará o mercado á rúa o 13 de setembro a través de 91 establecementos da cidade

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García, a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Noral Real, e o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentaron este venres no Salón de Plenos a novena edición do mercado Comercio na Rúa Street Market, co que colabora o Concello.

Carmen Basadre destacou “o gran éxito que está alcanzando este acontecemento, contando edición tras edición cun maior número de locais adscritos a pesares da delicada situación que esta a atravesar o comercio neste intres”. Por elo, dende o Concello estase a impulsar e colaborar con este tipo de iniciativas, que favorecen o desenvolvemento económico do tecido industrial e comercial de Lugo.

Por outro lado, Pilar García sinalou que “dende a Deputación de Lugo colaboramos coa difusión e promoción da actividade coa realización dun vídeo a través da TIC. Quero animar aos lucenses a participar nesta iniciativa, xa que impulsar o comercio é fundamental para a economía local”.

Pola súa banda, Nora Real agradeceu o apoio prestado por parte do Concello e da Deputación á Asociación de Autónomas de Lugo para levar a cabo este tipo de eventos encamiñados a dinamizar o comercio local.

Finalmente, José María Seijas destacou o aumento do 3% das ventas nesta tempada de verán, que, aínda que de modo moderado, os comercios viron crecer o seu volume de negocio.

O Street Market terá lugar o martes 13 de setembro, día no que un total de 91 establecementos da cidade de Lugo sacarán os seus produtos á rúa con importantes descontos para achegar o comercio á cidadanía. Dúas veces ao ano, a Asociación de Autónomas de Lugo, en colaboración co Concello e a Deputación, organiza unha xornada de exposición e venta dos seus artigos en plena rúa.

Esta será a novena edición, que alcanza unha cifra récord de participación, posto que serán 91 os establecementos da cidade que amosarán e porán a disposición dos clientes os seus produtos con interesantes descontos. Estes produtos son do máis variado, dende o téxtil, ata complementos, calzado, lencería, entre outros.

Dende fai anos cada mes de abril e setembro a Asociación de Autónomas de Lugo está a organizar este Street Market, que aspira a converterse nun referente habitual de compras na nosa cidade.

Accidente ferroviario

Carmen Basadre tamén quixo trasladar a solidariedade do Goberno municipal coas familias das vítimas do accidente ferroviario que tivo lugar este venres no Porriño. Deste xeito, mostrou o máximo apoio da entidade local a familiares, amigos e coñecidos das 4 vítimas mortais e máis de 50 feridos.

Noticias relacionadas