O Goberno, na súa aposta por recuperar espazos públicos, acondicionará unha zona verde e habilitará un canil en Serra dos Ancares

A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación das tarefas, enmarcadas no Plan de Barrios, e que responden a diversas peticións da veciñanza. Contan cun orzamento duns 66.400 euros e un prazo de execución de dous meses e medio

Este novo espazo para animais, o único destas características na cidade pois terá elementos de exercicio canino, súmase aos acondicionados en Frigsa, en Acea de Olga e a carón da Muralla

Na sesión deste mércores aprobouse sacar a contratación a explotación da cafetería do Vello Cárcere por un período de 5 anos e un canon mínimo de 2.000 euros ao mes

Mércores, 05 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deu luz verde este mércores á contratación da obra de acondicionamento dunha zona verde pública na rúa Serra dos Ancares. Estas tarefas, tal e como explicou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, enmárcanse dentro do Plan de Barrios do Goberno e responden a diversas peticións da veciñanza. Contan cun orzamento duns 66.400 euros e un prazo de execución de dous meses e medio.

A zona verde pública na rúa Serra de Ancares presenta un importante estado de deterioro e atópase nunhas condicións que non permiten o seu disfrute por parte da cidanía. De aí a decisión do Goberno de acondionala, dentro da súa aposta por recuperar espazos públicos para o seu uso público; así como de dotar á contorna dunha área para o uso dos cans.

Concretamente, a parcela a ocupar presenta una pendente descendente dende a rúa Serra de Ancares cara a rúa ría Eo, comunicadas polo vial rúa Xardíns. O centro desta zona estará destinada a canil, tratando os arredores dun xeito máis verde e integrador. Axardinaranse uns 780 metros cadrados e ampliarase a instalación de rega.

Para permitir a solta segura dos cans, delimítase a zona central do parque cun valado metálico, con portas. Ademais, co obxecto de evitar interferencias entre os animais, prevense dúas zonas independentes para separalos segundo o seu tamaño, peso ou temperamento. Un seto arrodeará todo o cercado e tamén se plantará arboredo.

As dotacións de equipamento contemplan tanto mobiliario urbano (bancos, papeleiras e unha fonte de fundicón, ademais de colectores) como elementos de exercizo canino, fabricados en madeira (un balancín, elemento de salto e túnel, entre outros).

Este novo canil, o único destas características na cidade, súmase aos acondiconados en Frigsa, en Acea de Olga e a carón da Muralla.

O prazo de presentación de proposicións para estas tarefas será de vinte días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante.

Cafetería do Vello Cárcere

Na sesión deste mércores tamén se aprobou sacar a contratación a explotación do servizo de cafetería-restaurante do Vello Cárcere, tras excluír do procedemento levado a cabo á única oferta presentada por ser unha comunidade de bens que non cumpre os requisitos para contratar coas administracións públicas. Será por un período de 5 anos, prorrogable anualmente ata dez, e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes. 

Así o anunciou Miguel Fernández,  quen deu a coñecer que se mantén o mesmo prego con algunha modificación, como a que se refire ao horario de apertura, á disposición nas instalacións dun almacén e á elaboración da comida, que preferentemente se debe realizar na propia cociña do centro.

O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello, aloxado na Plataforma de contratación do sector público.

A cafetería, con vistas á Muralla, está equipada con 16 mesas e 32 cadeiras no espazo xeral das instalacións, 8 cadeiras altas na barra, 4 mesas e 8 cadeiras altas na zona da fiestra fronte á barra, e 8 mesas e 24 cadeiras na terraza. Será por conta da empresa adxudicataria a instalación de toda a maquinaria, ferramenta e aparellos necesarios para o desenvolvemento da actividades.

OPE 2018

Entre outros asuntos, tamén se aprobou a oferta de emprego público para o ano 2018, a de maior número de prazas dos últimos anos.

As 23 prazas que configuran a oferta en quenda libre, son as seguintes:

- 1 praza de letrado asesor

- 2 prazas de arquitecto

- 1 praza de director da Banda de Música Municipal

- 1 praza de enxeñeiro industrial

- 1 de praza enxeñeiro técnico industrial

- 1 praza de coordinador de Deportes

- 1 praza de técnico superior de informática.

- 3 prazas de Policía Local e 3 de bombeiro/conductor

- 2 prazas de oficial conductor

- 1 praza de oficial conductor maquinista

- 2 prazas de oficial (brigada de obras)

- 1 praza de ordenanza e 2 de celador

- 1 praza de operario (brigada de obras)

Destas 23 prazas, dúas están reservadas para persoas con discapacidade, unha de celador e outra de arquitecto.

 En canto ás 10 prazas de promoción interna, son as seguintes:

- 1 praza de intendente da Policía Local

- 1 praza de oficial da Policía Local

- 1 praza de analista de sistemas/aplicacións

- 1 administrativo/a

- 1 praza de xefe/a do Parque Móbil

- 1 praza de coordinador de publicacións

- 1 técnico auxiliar electricista

- 1 praza de encargado/a (brigada da zona rural)

- 1 praza encargado/a (deportes)

- 1 praza auxiliar administrativo

Audio

Noticias relacionadas