O Goberno esixirá á Xunta no Pleno que inclúa no Orzamento 2016 a implantación de hemodinámica 24 horas

A Alcaldesa lamenta que o Presidente da Xunta “nin sequera mencionara” a dotación do servizo no debate do estado da autonomía

Xoves, 15 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou que o Goberno esixirá no vindeiro Pleno, previsto para o 29 de outubro, que a Xunta de Galicia contemple nos Orzamentos autonómicos do 2016 “as reivindicacións históricas” da cidade, entre elas a dotación económica necesaria para implantar o servizo de Hemodinámica 24 horas no Hospital Universitario Lucus Augusti. “As escusas para non facelo esgótanse”, subliñou a rexedora, quen lembrou neste senso que recentemente a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) recomendou que os hospitais que atendan a unha poboación de 300.000 habitantes ou máis –como é o caso do lucense- conten cunha unidade de Hemodinámica que funcione as 24 horas.

“O Presidente da Xunta ten a oportunidade de demostrar por fin nos orzamentos do 2016 o seu compromiso cos lucenses, algo que incomprensiblemente non fixo nestes sete anos de goberno”, afirmou a Alcaldesa, “nin tampouco onte no debate do estado da autonomía, no que nin sequera mencionou a dotación de Hemodinámica 24 horas”. Núñez Feijóo reiterou no debate a previsión de que Radioterapia e Medicina Nuclear entrarán en funcionamento a finais de ano, “unhas dotacións que en calquera caso non pode atribuírse, pois se Lugo contará con estes servizos esenciais é grazas á presión e mobilización social”, asegurou a rexedora.

Así mesmo, engadiu, o Presidente da Xunta “non avanzou medidas eficaces para atallar os problemas de Lugo, como o despoboamento ou o desemprego, nin acción algunha para impulsar os seus sectores punteiros, como o turismo”.

Noticias relacionadas