O goberno de Lara Méndez solicítalle á Xunta a gratuidade do parking do Hula, como mínimo, ata que remate o Estado de Alarma

A medida, acordada na última Xunta de Voceiros, persegue non ocasionar máis prexuízos durante a crise sanitaria ás persoas usuarias do centro hospitalario

Venres, 27 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez solicítalle á Xunta a gratuidade do parking do Hula, como mínimo, ata que remate o Estado de Alarma

O goberno de Lara Méndez solicítalle ao Sergas a gratuidade do aparcadoiro do Hula, como mínimo, ata que remate o Estado de Alarma.

A alcaldesa de Lugo realiza esta petición facéndose eco da proposta que foi acordada na última Xunta de Voceiros, onde están todos os grupos da Corporación. A mesma persegue non ocasionar máis prexuízos, alomenos mentres continúe a crise sanitaria ocasionada pola propagación do coronavirus, ás persoas usuarias do complexo hospitalario.

“Dende o Concello de Lugo levamos moitos anos reclamándolle á Xunta de Galicia a gratuidade destas instalacións, cedidas no seu día pola Administración local non para que unha empresa privada lle sacara rendemento senón para dar servizo á cidadanía, non só da capital senón tamén de toda a provincia que ten asignado o Lucus Augusti como centro de referencia”, reiterou a rexedora.

“Unha reivindicación que, agora máis ca nunca, se volveu necesidade ante a situación que estamos a vivir. Por iso, acabamos de reiterarlle ao executivo galego esta petición para que a veciñanza poida estacionar de balde no parking interior, cando teña que acudir ás consultas ou a facerse cargo dos seus familiares”, instou Lara Méndez.

A alcaldesa lembrou que o Concello habilitou, nos últimos tempos, na contorna máis de medio milleiro de prazas de aparcamento, trala reordenación das mesmas, coa que se gañaron 130 espazos novos e coa creación dun novo recinto ao aire libre con capacidade para 363 vehículos.

“Aínda así, as dotacións seguen sendo insuficientes para dar cobertura a toda a demanda existente polo que, ante as circunstancias tan especiais nas que nos atopamos, entendemos resulta imperativo que a Xunta acceda a esta solicitude e se sume a nós na defensa dos intereses da poboación”, concluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas