O goberno de Lara Méndez prioriza o pago a provedores e liquidará todas as facturas pendentes nun prazo máximo de 2 meses

A administración local habilitou fórmulas de teletraballo para favorecer esta medida, posibilitada pola recente incorporación de 22 millóns de euros en remanentes

Martes, 24 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez prioriza o pago a provedores e liquidará todas as facturas pendentes nun prazo máximo de 2 meses

O goberno de Lara Méndez liquidará nun prazo máximo de dous meses o pago de todas as facturas pendentes aos provedores municipais, logo de que a rexedora asinara un decreto estes días autorizando unha modificación de crédito que permitirá a incorporación dun total de 22.074.334’18 euros aos orzamentos de 2020.

“Trátase de evitar un maior sufrimento ás empresas locais de maneira que, entre os principais cometidos que estes días asumen, a través do teletraballo, as e os empregados pertencentes a área de Gobernanza figura o de axilizar ao máximo a efectiva realización dos compromisos de gasto adquiridos polo Concello e que aínda non foran materializados”, sinalou a alcaldesa.

Lara Médez indicou que “a administración local habilitou nas últimas semanas unha fórmula para evitar que se frene o pago aos provedores durante a crise polo COVID -19, “un momento no que, máis ca nunca, o tecido empresarial local debe contar coa suficiente liquidez para afrontar as consecuencias económicas xeradas polo Estado de Alarma”.

“Queremos que quede, por tanto, de manifesto non só que o Concello de Lugo dispón de recursos financeiros suficientes senón que, como xa anunciamos en numerosas ocasións, a vontade política deste executivo é a de regularizar os pagos que quedaban pendentes para poñer ao día a facturación”, lembrou Méndez

A rexedora tamén que referiu que, de forma simultánea á dixitalización dos procedementos económicos, dende a área de Gobernanza se foron introducindo tanto a simplificación dos trámites como a diminución dos protocolos administrativos para xerar novas dinámicas de funcionamento moito máis áxiles que redundasen non só na efectividade interna senón tamén na redución dos tempos cos que se atende aos requirimentos da cidadanía”.

A cantidade habilitada coa última instrución autorizada pola rexedora e que supera os 22 millóns de euros servirá tanto para saldar recibos de exercicios anteriores que se foron adiando como para iniciar a construción de dotacións municipais xa comprometidas. “A nosa pretensión é manter débeda cero en tódolos eidos. Coas entidades bancarias este reto acadouse en 2017, coas e cos empregados públicos fomos quen de abonar a finais de ano o 100% das horas extraordinarias xustificadas e, nos próximos dous meses, faremos o propio cos provedores municipais”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a liquidación das facturas en 2 meses | Descargar mp3

Noticias relacionadas