O Goberno de Lara Méndez inicia a vindeira semana o pago de 1 millón de euros aos 783 negocios beneficiarios do Plan Reactiva

A alcaldesa avanzou que as listas definitivas se publicarán nas próximas horas na páxina web e no taboleiro electrónico do Concello.

En total, adxudicáronse 1.020.000 € a 540 autónomos e 243 empresas.

Das instancias aprobadas 412 se corresponden coas axudas da Liña A, para sectores que afrontaron un peche total, e 371 coa Liña B, afectadas por peches parciais.

As 117 persoas excluídas terán un mes para presentar recurso de reposición.

Máis da metade das desestimacións se motivan na existencia de débedas tributarias coa Administración local.

Lara Méndez: “estas achegas directas teñen a vocación de contribuír á reconstrución da nosa sociedade e fomentar a estabilización da economía lucense”.

Xoves, 03 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez inicia a vindeira semana o pago de 1 millón de euros aos 783 negocios beneficiarios do Plan Reactiva

“O plan Reactiva comezará a pagarse a vindeira semana”. Así o afirmou hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, impulsora da iniciativa coa que o Concello de Lugo quere seguir apoiando aos sectores da cidade máis afectados polas restricións que impuxo a crise sanitaria e que supuxeron o peche temporal, total ou parcial, de moitos negocios e establecementos.

A rexedora anunciou esta mañá que as listas definitivas dos adxudicatarios e excluídos no procedemento acaban de ser aprobadas e se publicarán nas próximas horas, tanto na páxina web como no taboleiro electrónico do Concello.

O balance destas achegas directas, as segundas habilitadas - xunto ao Plan Reanima - polo Goberno de Lara Méndez para dotar de liquidez ao tecido produtivo local dende que comezou a pandemia, “é - segundo sinalou a alcaldesa - altamente positivo, en tanto, en só mes e medio, se adxudicaron 1.020.000 € a 783 negocios estimados inicialmente de forma favorable”.

“Deles darase conta agora a área de Tesourería para que, nos próximos días, inicie o pagamento das mesmas e, de ter contraídas estas persoas algunha débeda co Concello, procederase á súa compensación que se verá reflectida na cantidade final que perciban”.

En total, o Plan Reactiva recibiu 900 solicitudes, das que 117 foron desestimadas. Aproximadamente a metade das mesmas foron rexeitadas por manter débedas tributarias coa Administración Local. Tampouco se tiveron en conta as que entraron polo Rexistro Xeral, ao redor dunha ducia.

“Agora, as persoas excluídas dispoñen do prazo dun mes para presentar o correspondente recurso de reposición que será estudado polos servizos municipais para determinar a súa procedencia e posible estimación”.

Lara Méndez lembrou que o Plan Reactiva ten a vocación de inxectar capital a aquelas actividades económicas consideradas máis prexudicadas pola COVID-19, tomando como base a normativa autonómica relativa ás medidas de prevención e restrición polas que se viron afectadas “para, deste xeito, contribuír á reconstrución da nosa sociedade e fomentar a estabilización da economía lucense”.

A convocatoria contemplaba dúas liñas de achegas directas.

A Liña A, dirixida a empresas que realizan actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se ten 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se ten menos de cinco.

Nesta categoría entraban hoteis e aloxamentos similares (turísticos e outros de curta estancia, cámpings, etc.); establecementos de hostalería e restauración; empresas vinculadas coas artes escénicas e as súas auxiliares, as dedicadas á creación artística e literaria, xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios, entre outras.

E a Liña B, destinada a aquelas empresas que realizan actividades económicas afectadas por un peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se incluían todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, principalmente, foi de 1.000 € por beneficiario.

Méndez debullou, a continuación, os detalles da súa asignación.

“Das 783 axudas concedidas, 412 se corresponden coa Liña A e 371 coa Liña B, outorgándose a un total de 540 autónomos (690.500 €) e a 243 empresas (329.500 €)”, referiu a alcaldesa.

“A todas estas persoas o Concello lles enviará agora unha comunicación notificándolles a resolución ao tempo que poden consultala, tamén, na páxina web e no taboleiro electrónico do Concello, a través do número de expediente que lles foi asignado cando a cursaron xa que nel figura a data e a hora exacta na que se tramitou. Unha información moi valiosa que nos permite visualizar e ratificar o que xa dixemos no seu día: que a Plataforma telemática funcionou de maneira continuada e con fluídez e que as caídas puntuais da rede se deberon á cantidade de peticións recibidas e se solucionaron de manera inmediata”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez recordou, alén, que a asignación económica coa que contou o Plan Reactiva equivale ao 1% do Orzamento Municipal para este 2021, “como mostra do compromiso que adquirimos coa cidadanía para afrontar a superación da crise económica e social na que está a derivar a pandemia”.

Estas axudas completaranse co Plan, xa aprobado, de Dinamización económica dos distintos barrios e sectores da cidade, no que o Executivo local inviste 1,4 millóns de euros.

Así mesmo, estase a ultimar a adxudicación da Estratexia Lugo Transforma, dotada con 12 millóns de euros, a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos, atraer empresas e crear emprego sostible. Ademais, Lugo segue a dar pasos na posta en funcionamento da Mesa para a Diversificación Industrial, que esta mesma semana se presentou, entre outros sectores, á Universidade co fin de deseñar conxuntamente o futuro do municipio.

A continuación detállanse as cifras do Plan.

PLAN REACTIVA

Número de Solicitudes

Estimadas

Desestimadas

900

783

117

 

 

783 Beneficiarios

1.020.000 €

Liña A: 649.000 €

Liña B: 371.000 €

1.500 €

350 axudas

525.000 €

2.000 €

62 axudas

124.000 €

1.000 €

371 axudas

371.000 €

540 Autónomos: 690.500 €

265 axudas

397.500 €

18 axudas

36.000 €

257 axudas

257.000 €

243 Empresas: 329.500 €

85 axudas

127.500 €

44 axudas

88.000 €

114 axudas

114.000 €

 

Audio

Noticias relacionadas