O Goberno de Lara Méndez impulsa as actividades pola igualdade entre a mocidade todo este mes con motivo do 8 de Marzo

A Concelleira de Muller, Ana González Abelleira, presentou esta mañá un programa de actividades “que intensifica as accións que xa desenvolvemos durante todo o ano”

O sábado 29 de marzo ás 10:30h se organizará a I Andaina Xuvenil pola Igualdade, que percorrerá cunha guía rúas de Lugo onde se pon en valor ás mulleres do municipio

A xurista Marta Busquest, especializada en xénero, estará nun Faladoiro Feminista e a directora Xiana do Teixeiro presentará o documental ‘Tódalas mulleres que coñezo’

Xoves, 05 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez impulsa as actividades pola igualdade entre a mocidade todo este mes con motivo do 8 de Marzo

A Concelleira de Muller, Ana González Abelleira, presentou esta mañá o programa de actos previstos no mes de marzo con motivo do Día Internacional das Mulleres. A edil sostivo “que neste mes incrementamos as accións que xa estamos a desenvolver durante todo o ano, e centraremos gran parte das actividades na concienciación entre a mocidade, porque o cambio real virá da man da educación”.

O pistoletazo de saída foi o luns 2 de marzo cun exitoso ‘Escape Room Mulleres Con Forza’ que tivo lugar na Casa da Xuventuve. A actividade ofrecía 60 prazas e tivo un 100% de participación. Este xogo de escapismo buscaba ser educativo ao mesmo tempo que lúdico, e dar a coñecer a grandes mulleres da historia, mulleres loitadoras.

O mércores 4 de marzo o Auditorio Municipal Gustavo Freire acolleu unha representación titulada “Adiviña Quen Son” cunha temática baseada nos estereotipos das profesións destinada aos alumnos dos C.E.I.P. Ademais, dende as bibliotecas do Centro de Convivencia de Fingoi e do Parque da Milagrosa, estanse a promocionar libros adicados ou escritos por mulleres.

Este venres, 6 de marzo, ás 13:30 horas, no Salón de Plenos do Concello, terá lugar a entrega dos premios do concurso de deseño gráfico “Contra a Violencia de Xénero” e do VIII certame de fotografía “Revelando Machismo”, que entregará a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Na programación do luns, 9 de marzo, ás 19:00h está incluído o Cinefórum, unha actividade aberta ata completar aforo. O filme que se proxecta, ‘Tódalas mulleres que coñezo’, é un documental galego sobre xénero, espazo público e liberdade. O filme sitúa a discusión sobre como o xénero configura o uso cidadán do espazo dende un lugar cercano e cunha perspectiva interxeracional e pretende propiciar un momento de reflexión tras o seu visionado. Estará presente a directora do documental, Xiana do Teixeiro.

O venres, 13 de marzo, ás 20:00horas, o auditorio do Vello Cárcere recibirá outro Faladoiro Feminista, nesta ocasión con Marta Busquets, xurista especializada en xénero.

E xa o sábado, 29 de marzo, ás 10:30horas, organizarase a I Andaina Xuvenil pola Igualdade, dirixida a mozos e mozas de 14 a 35 anos, que nace coa vocación de ter continuidade. As e os participantes percorrerán acompañados dunha guía rúas de Lugo onde se pon en valor o papel que xogaron e xogan as mulleres do municipio. As inscricións faranse de luns a venres da vindeira semana na Casa da Xuventude. Hai 20 prazas e as e os menores deberán ir acompañados por unha persoa adulta.

Ana Abelleira recordou que “durante o mes de marzo, nas ociotecas municipais do programa Aprende Xogando levarase a cabo un programa de fomento da igualdade. E nos meses de abril, maio e xuño, a Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría desenvolverá o proxecto ‘Protagonistas, as enxeñeiras’ co obxecto de visibilizar a estas profesionais e o seu labor, coa realización de obradoiros en C.E.I.P.s e I.E.S.”

A concelleira animou a todas as persoas a participar nestas actividades.

Audio

  • A concelleira de Muller, Ana González Abelleira, sobre o 8M | Descargar mp3

Noticias relacionadas