
O edil de Deportes, Mauricio Repetto achegouse esta tarde ao circuíto de karting que abrirá as súas portas en Augas Férreas dende hoxe e recibirá ao público sábado e domingo de 12:00 a 14:00. Lugo será a cuarta e última cidade galega que visite Xirakarting na súa 15ª edición, tras pasar xa pola Coruña, Ourense e Vigo.
Xirakarting, a primeira e única actividade de karting móbil en Galicia, chega un ano máis a Lugo co obxectivo de achegar o mundo do motor a todos os públicos. Nesta décimo quinta edición de XiraKarting, os nenos e nenas de entre 3 e 7 anos poderán circular acompañados por un adulto nun kart biplaza e os que teñan entre 7 a 12 poderán conducir sós un kart infantil, con roldas propias para garantir a seguridade.
Este circuíto preséntase como líder no sector, cunha actividade dirixida a todos os públicos e situada no centro das principais urbes galegas. Ao longo destes quince anos XiraKarting non deixou de evolucionar, adaptándose aos novos tempos e respondendo os cambios producidos no sector. O que naceu como unha proposta á accesibilidade deste deporte a todos os públicos, converteuse ademais na maior plataforma e berce de pilotos do automobilismo galego.