O Goberno dá conta do orzamento do Arde Lvcvs 2017, que ascende a 251.725,97 euros

Carmen Basadre proporcionou estes datos durante a comisión municipal destes festexos, que contaron con 312.478,36 euros de ingresos

Mércores, 12 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno dá conta do orzamento do Arde Lvcvs 2017, que ascende a 251.725,97 euros

O Goberno deu conta este mércores do orzamento do Arde Lvcvs 2017, que se situou nos 251.725,97 euros de gastos e 312.478,36 euros de ingresos. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, proporcionou estes datos durante a comisión municipal destes festexos, unha reunión na que participaron representantes de catro dos cinco grupos políticos da oposición. A festa de recreación histórica estreou este ano o distintivo de Interese Turístico Nacional, participando por primeira vez 44 asociacións, tanto de Lugo, como Galicia, España e doutros territorios de Europa.

Segundo a información achegada pola edil nun exercicio de transparencia por parte do Goberno local, os ingresos (312.478,36€) procederon das seguintes fontes: Concello, 199.216,45€; Macellum, restaurantes, circo e atraccións ecolóxicas, 61.161,91€; e patrocinadores, 52.100€ (Estrella Galicia, 24.000; Gestagua, 7.000; Caixa Rural, 4.000; Monbus, 3.500; Orange, 3.500; Gadisa, 2.500; Abanca, 1.500; Regina Viarium, 1.500; Calfensa, 1.000; Tableros Hispanos, 600; e Xunta, 3.000€).

En canto aos gastos (251.725,97€), foron os seguintes: asociacións, 75.200€; espectáculos 86.669,11€; cartelería e difusión, 14.481,82€; e electricidade, produción, seguridade, valos, carpintería, etc, 70.035€.

Noticias relacionadas