O Goberno aprobará mañá o Orzamento 2018 tras recibir onte o visto bo da Xunta ao Plan Económico Financeiro

O PEF é imprescindible para a tramitación dos presupostos, debido á táboa rasa da Regra de Gasto imposta polo Goberno aos concellos economicamente saneados como o de Lugo

Martes, 12 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou este martes que a Xunta de Goberno aprobará mañá mércores en sesión extraordinaria o proxecto do Orzamento 2018 despois de recibir onte o visto bo da Xunta de Galicia ao Plan Económico Financeiro (PEF), un documento imprescindible para poder tramitar os presupostos municipais debido á táboa rasa da Regra de Gasto que impón o Goberno central a todos os concellos, tamén aos economicamente saneados, como é o de Lugo.

A entidade local tivo que elaborar o PEF, no que leva traballando man a man coa Xunta dende o mes de outubro e ao que recibiu o visto e prace definitivo na xornada de onte, por incumprir a Regra de Gasto ao incorporar ao exercizo orzamentario do 2016 remanentes para pagar as expropiacións da Ronda do Carmen, por importe de máis de 4M€, unha débeda histórica xerada polo PP que o Goberno municipal conseguiu saldar despois de 22 anos.

Segundo os prazos marcados pola Xunta, o Concello ten que remitir como máximo antes do 22 de decembro o acordo plenario de aprobación do Plan Económico Financeiro. De aí que mañá mesmo se aproben os orzamentos en Xunta de Goberno para poder ser sometidos á debate do Pleno a vindeira semana e cumprir cos tempos establecidos pola Administración autonómica.

A Alcaldesa explicou que o Executivo leva traballando nos Orzamentos “case máis dun ano, primeiramente nos do 2017, que non saíron adiante e, dado o escaso tempo que nos restaba para executalos, decidimos ir á prórroga dos do 2016. Logo continuamos traballando nesa base, sobre ese traballo feito, aumentando algunhas partidas, como pode ser a do Plan de Barrios para ter en conta a sensibilidade de toda a Corporación e as súas propostas plenarias, así como tamén as dos colectivos sociais”. “Estamos satisfeitos porque o que queremos é ter uns orzamentos para desenvolver a nosa acción política, o noso modelo de cidade, sobre o que levamos traballando dous anos e medio, que temos moi claro e definido, como así o manifestamos nos proxectos de fondos europeos que conseguimos”, subliñou Méndez.

Noticias relacionadas