O Fogar do Transeúnte facilitou nos primeiros nove meses do ano máis de 14.000 almorzos, comidas e ceas

Estas instalacións do Concello, que atenden a persoas en desvantaxe social, contou de xaneiro a setembro con preto de 1.400 usuarios, un 89% homes

Martes, 25 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Fogar do Transeúnte facilitou nos primeiros nove meses do ano máis de 14.000 almorzos, comidas e ceas

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, deu conta este martes dos usuarios atendidos no Fogar do Transeúnte dende xaneiro a setembro, preto de 1.400, un 89% homes, un total de 1.239. Por meses, en xaneiro atendéronse 141 usuarios, en febreiro, 143, marzo 142, abril, 153, maio 141 persoas; 157 en xuño e xullo, respectivamente, 202 en agosto e 157 en setembro.

Tal e como avanzou a edil, nestas instalacións do Concello, que atenden a persoas en desvantaxe social garantíndolles aloxamento e alimentación, pernoitaron 2.775 persoas, 2.222 homes e 553 mulleres. Os meses que máis persoas fixeron noite no Fogar do Transeúnte foron maio e xaneiro, con 348 e 324, e o que menos, abril, con 228.

Nos primeiros nove meses do 2016, repartíronse máis de 14.000 almorzos, comidas e ceas, 11.353 nas propias instalacións e 2.722 a domicilio. En concreto, subministráronse 2.258 almorzos, 5.235 comidas e 3.860 ceas nas propias instalacións do centro, na rúa Deputación, e 1.474 e 1.248 comidas e ceas, respectivamente, para levar. O mes que máis menús se repartiu foi agosto, con máis de 2.900. Pola contra, o que menos, abril con 1.048.

Durante a rolda de prensa de presentación destes datos, a edil ensalzou o “excelente labor” que realizan as 7 traballadoras do centro, que non soamente ofrecen a persoas sen fogar e sen recursos servizos de aloxamento e manutención, senón tamén acollida e afecto. Ademais, González Abelleira, quen lembrou que Lugo é o primeiro Concello de Galicia e o cuarto de España que máis destina a benestar social, un 21% do orzamento, fixo fincapé no orzamento que inviste a entidade local nestas instalacións ao ano, uns 120.000 euros.

O Fogar do Transeúnte ofrece almorzos, comidas, cenas e cama. O centro dispón de 22 prazas para durmir, e 40 prazas para comer, se ben ás veces fanse quendas no caso de necesidade. O pasado ano a entidade local mellorou os solos, portas e ventas das dependencias, cun investimento de 22.500 euros.

Audio 

Noticias relacionadas