O Fogar do Transeúnte duplica a súa capacidade de atención tras recibir a autorización para abrir a primeira planta do centro

O permiso posibilitará incrementar o aforo do albergue ata as 28 prazas, logo da reforma das instalacións executada polo Goberno de Lara Méndez no pasado mandato.

A edil Olga López Racamonde puxo en valor a funcionalidade destas dependencias municipais como “primeiro recurso para persoas en situación de extrema vulnerabilidade”.

Só no mes de agosto aloxáronse nesta dotación 188 persoas e dispensáronse 2.343 comidas, entre almorzos, xantares e ceas, incluído o comedor social.

Venres, 10 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Fogar do Transeúnte duplica a súa capacidade de atención tras recibir a autorización para abrir a primeira planta do centro

O Concello de Lugo vén de recibir a autorización autonómica para abrir a primeira planta do Fogar do Transeúnte.

O permiso posibilitará que o albergue, reformado durante o pasado mandato, duplique a súa capacidade de atención incrementando o aforo do centro ata as 28 prazas.

Unha obra que, segundo sinalou a responsable de Benestar Social, Olga López Racamonde, “contribuíu igualmente a incrementar a habitabilidade das instalacións, dando cabida a un maior número de persoas usuarias coas garantías de protección e os espazos de seguridade necesarios”.

A actuación supuxo non só a mellora dos accesos e a comunicación entre as diferentes plantas do inmoble, senón tamén a creación de tres unidades hixiénicas, algunhas delas completa, equipadas con ducha.

Así mesmo se repintou boa parte da edificación, que conta con zonas diferenciadas para homes, mulleres e tamén con estancias mixtas para familias, e se adaptou á nova configuración dos espazos - entre os que se inclúe un cuarto propio para lavandería - a instalación eléctrica e os pasos de porta, velando polo cumprimento da normativa de accesibilidade.

“A finalidade era que o Fogar gañase en versatilidade e confort pero ademais pretendemos dignificar non só a súa función senón tamén ás persoas que precisan recorrer a el”, destacou a concelleira ao tempo que puxo en valor o labor realizado polo persoal do centro, “cuxa implicación e compromiso vai máis aló de aportar aloxamento e manutención a quen o necesita”.

A este respecto, dentro da liña de acción política do Executivo de Lara Méndez de apostar pola protección das persoas máis vulnerables da sociedade, só no pasado mes de agosto, pernoitaron no centro un total de 188 persoas (160 homes e 28 mulleres) - 140 no mes de xullo (129 homes e 19 mulleres) - pero tamén se dispensaron un total de 2.343 comidas, a razón de 370 almorzos, 726 ceas e 1247 xantares, dos que 498 se destinaron a familias en situación de risco social.

A concelleira de Benestar recordou que dende a súa área se trata de prestar unha atención primaria integral á cidadanía, “ben a través da emerxencia social, da axuda e o xantar no fogar, da atención nos centros de día, a erradicación do chabolismo, o control e prevención do absentismo escolar ou o apoio a inmigrantes”, concluíu Olga López Racamonde.

Multimedia

  • O Fogar do Transeúnte duplica a súa capacidade de atención tras recibir a autorización para abrir a primeira planta do centro

Noticias relacionadas