O Festival de Danza e Música Tradicional das Nenas e Nenos de Lugo enche a Praza Maior no Día das Letras Galegas

Participaron un cento de rapazas e rapaces dos colexios Menéndez Pelayo, Anexa, Illa Verde, Luis Pimentel, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón, e de ASPNAIS, acompañados por alumnado da Escola Municipal de Música

O Concello conmemorou o Día das Letras tamén coa actuación de nove agrupacións corais polo paseo literario de Bispo Aguirre e a Praza Maior

Venres, 17 de maio de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Festival de Danza e Música Tradicional das Nenas e Nenos de Lugo enche a Praza Maior no Día das Letras Galegas

Novo éxito de participación do Festival de Danza e Música Tradicional das Nenas e Nenas de Lugo organizado polo Concello na Praza Maior con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado neste 2019 a Antonio Fraguas. Centos de persoas asistiron esta mañá ao encontro, no que tomaron parte un cento de rapaces e rapazas dos colexios Menéndez Pelayo, Anexa, Illa Verde, Luis Pimentel, Rosalía de Castro e Sagrado Corazón, e de ASPNAIS, acompañados durante o desfile polo grupo de pandereteiras da Escola Municipal de Música e logo pola agrupación de gaitas e tambores da Escola durante a exhibición de baile.

A Alcaldesa, Lara Méndez, e o Concelleiro de Educación, Manuel López, responsable da área municipal que organizou o Festival, acudiron ao acto, no que Méndez reivindicou a lingua galega como un valor cultural que as administracións deben seguir potenciando, sobre todo ante o grave retroceso na transmisión xeracional da lingua producida nos últimos anos. 

Estas actividades sumáronse á programación impulsada tamén polo Concello, neste caso dende a área de Cultura, en xornada de tarde. Tratouse de actuacións musicais que recorreron a rúa Bispo Aguirre e a Praza Maior, seguindo o paseo literario que existe nestes espazos. Participaron 9 agrupacións: a Coral Lugh, a Coral Xolda, o Orfeón Lucense, o Coro do Hospital, a Coral E. do Miño, Cantar Delas, a Asociación Amigos do Camiño, Orfeón Xoán Montes e o Grupo Solo Voces. Ao rematar, no fondo da Praza Maior, todas as mulleres integrantes das corais actuantes interpretarán O pensar do labrego, e logo, todos os homes cantarán a peza Lonxe da terriña. A continuación, as corais participantes, todas xuntas, cantarán Negra Sombra e o Himno Galego.

Durante esta mañá celebrouse tamén na Praza Maior, dentro do programa Arde Lvcvs Cvltvral unha degustación e venda de pan romano, como vén sendo costume nos últimos anos como prólogo da festa de recreación histórica castrexo romana.

Noticias relacionadas