O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha un convenio co CIFP As Mercedes para a creación dun centro móbil de seguimento de emerxencias

O convenio permitirá ao alumnado do curso de Drones do CIFP As Mercedes desenvolver prácticas reais instalando tecnoloxías de seguimento e rescate nun vehículo cedido por Protección Civil.

O vehículo cedido polo Concello de Lugo contará con sistemas de seguimento por drons e cámaras infravermellas para a busca de persoas desaparecidas.

“Estas colaboracións son claves para fortalecer a formación e atopar solucións innovadoras que melloren a capacidade de resposta ante emerxencias,” subliñou Paula Alvarellos.

Martes, 22 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha un convenio co CIFP As Mercedes para a creación dun centro móbil de seguimento de emerxencias

O Executivo de Paula Alvarellos, a través de Protección Civil, formalizou esta mañá un convenio de colaboración co CIFP As Mercedes que permitirá ao alumnado do curso especializado en Aeronaves Pilotadas de Forma Remota - Drones, levar a cabo prácticas vinculadas á súa formación mediante o desenvolvemento dun centro móbil de seguimento de emerxencias. A entrega do vehículo que cede o Concello de Lugo para este fin contou coa asistencia da alcaldesa, Paula Alvarellos, e do director do centro, Joaquín Expósito.

O alumnado instalará diversos sistemas no vehículo cedido por Protección Civil, como o seguimento a través de drones e cámaras infravermellas, facilitando a busca e rescate de persoas desaparecidas, entre outras intervencións en emerxencias. Este proxecto tamén inclúe a creación dun posto de mando que permitirá o acceso en tempo real a distintas cámaras, potenciando así a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.

A alcaldesa Paula Alvarellos destacou a importancia deste acordo para seguir avanzando no uso de novas tecnoloxías ao servizo da seguridade cidadá, engadindo que “grazas a esta colaboración, Lugo contará sempre cun equipo de persoas formadas e preparadas para actuar cando sexa necesario activar un dispositivo de busca ou seguimento ante calquera emerxencia.”

Alvarellos tamén subliñou o compromiso do Goberno local en "fortalecer estas colaboracións co obxectivo de atopar solucións innovadoras que melloren a resposta ante calquera incidencia." Pola súa parte, Joaquín Expósito resaltou a oportunidade única que supón para o alumnado poder aplicar os seus coñecementos en escenarios reais, mellorando a súa preparación profesional e facilitando unha rápida adaptación ao mercado laboral nun sector en auxe como é o manexo de aeronaves non tripuladas.

Con esta iniciativa, o Goberno local reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá, apostando por solucións innovadoras que complementen o traballo de Protección Civil en escenarios de maior complexidade operativa.

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos pon en marcha un convenio co CIFP As Mercedes para a creación dun centro móbil de seguimento de emerxencias

Noticias relacionadas