Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 14 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

SEGURIDADE VIARIA

Na última semana a Policía Local de Lugo realizou trece novas intervencións por infraccións graves en materia de seguridade viaria, con taxas de alcol que triplican o límite.

A actividade da Policía Local no control da seguridade viaria volveu arroxar un balance intenso nos últimos días, con trece intervencións que deron lugar a outros tantos expedientes por condutas de risco nas vías urbanas de Lugo. A maioría dos casos implica a condución baixo os efectos do alcol, aínda que a relación de infraccións abarca tamén o consumo de drogas, a falta de autorización administrativa para conducir e diversas irregularidades técnicas nos vehículos.

No que respecta ás probas de alcoholemia, os resultados obtidos en varias das intervencións superan con creces o límite máximo permitido. A taxa máis elevada rexistrouse na Ronda das Fontiñas, onde axentes da unidade de Policía de Barrio observaron un cambio de sentido brusco seguido dunha condución en zigzag. Interceptado o condutor, as probas deron 0,70 e 0,77 mg/l en aire espirado. Noutro intervención na praza da Constitución, un condutor localizado tras ignorar unha sinal de ceda o paso e circular de forma errática deu 0,85 e 0,82 mg/l. Un terceiro caso, na rúa Estrada da Granxa, combinou unha taxa de 0,59 mg/l en ambas probas. Outras intervencións deron resultados de entre 0,31 e 0,68 mg/l, e polo menos un condutor deu positivo no test indicativo de presenza de THC. Concretamente, nun destes casos, a superación do máximo permitido na proba de alcol motivou a solicitude da proba de contraste sanguíneo por parte do investigado; o investigado mantivo unha actitude que dificultou o normal desenvolvemento do protocolo, con interrupcións reiteradas e desobediencia ás indicacións dos axentes. A situación quedou reflectida nas dilixencias correspondentes.

Ademais, instruíronse varios atestados por condución sen permiso vixente. Nun caso, o condutor non acreditou ter obtido nunca licenza en España nin en ningún outro país de maneira verificable, sendo trasladado para a súa identificación ao carecer de documentación, e quedando o seu vehículo a cargo do titular. Noutros dous supostos, a perda de vixencia debíause ao esgotamento total do crédito de puntos.

Entre outras circunstancias detectadas nas distintas intervencións figuran dous vehículos que non pasaran a inspección técnica periódica, un turismo con placas de matrícula provisional que circulaba con cinco ocupantes a bordo, cando o límite para a circulación deste tipo de matrícula non o permite. Tamén se detectou un vehículo cuxa titularidade rexistral correspondía a unha persoa falecida. En varios casos, os vehículos foron inmobilizados na vía pública.

INTERVENCIÓNS ASISTENCIAIS

A Policía Local atende seis requirimentos de asistencia a persoas en diversas situacións de urxencia

Durante os últimos días, efectivos da Policía Local atenderon varios servizos de carácter asistencial que requiriron tanto apoio físico directo a cidadáns como a coordinación cos servizos sanitarios de emerxencia.

En dúas ocasións distintas, os axentes acudiron a domicilios particulares onde persoas de idade avanzada sufriran caídas e non podían erguerse polos seus propios medios. En ambos casos, os efectivos lograron incorporalas sen que presentasen feridas aparentes derivadas da caída, trasladándoas a unha posición segura —nun deles, a unha cadeira de rodas dispoñible na propia vivenda— antes de dar por concluído o servizo.

Nun terceiro servizo asistencial, os axentes localizaron na vía pública a unha persoa de idade avanzada que apenas podía manterse en pé. Tres cidadáns que a atoparan deambulando permanecían xunto a ela cando chegou a patrulla. A persoa referiu fortes mareos, polo que se solicitou a presenza dunha ambulancia. O persoal do 061 constatou que a causa era un nivel de azucre moi elevado no sangue, procedendo ao seu traslado ao Hospital Universitario de Lucus Augusti para a súa atención.

Nas inmediacións da Ronda da Muralla, á altura do edificio administrativo da Xunta de Galicia, os axentes observaron un home de mediana idade co rostro ensanguentado. Ao entrevistarse con el, comprobaron que se atopaba nun marcado estado de embriaguez e refería fortes dores de riles. Estas circunstancias provocáranlle ata dúas caídas ao chan, con sendas feridas na cella dereita e na nuca que sangraban abundantemente. Solicitouse a intervención do 061, que procedeu ao seu traslado ao HULA para a atención das lesións.

Noutro servizo, os axentes localizaron a un home tumbado na vía pública con signos evidentes de ter consumido alcol. Ao dirixirse a el, respondeu con coherencia e solicitou axuda para incorporarse. Os axentes ofreceronlle asistencia sanitaria e a posibilidade de pernoctar no albergue de transeúntes, opcións que o home rexeitou en varias ocasións. Dado que o seu estado, a pesar dos síntomas, non comprometía a súa seguridade de forma inmediata e respondía con lucidez ás preguntas, os efectivos abandonaron o lugar deixando constancia do servizo.

Por último, unha patrulla foi requirida pola parella dun home que se atopaba fronte á estación de autobuses aqueixado dun intenso dor no peito, que se irradiaba desde a parte anterior do tórax cara ás costas. Mentres agardaban a chegada da ambulancia, un médico do servizo de urxencias contactou telefónicamente cos axentes para recabar información sobre os síntomas e falar directamente co afectado, que se atopaba consciente e orientado. A ambulancia procedeu ao traslado do home ao HULA acompañado da súa parella.

SEGURIDADE CIDADÁ

Intervención dunha sustancia presuntamente estupefaciente

Durante unha intervención rutinaria por unha infracción de tráfico, os axentes observaron no condutor indicios compatibles co consumo de substancias estupefacientes. Practicouse un rexistro corporal superficial, e localizouse nun dos seus petos un envoltorio de plástico cunha substancia brancuzca que podería tratarse de cocaína. Iniciáronse as dilixencias oportunas.

Unha muller resulta agredida nun establecemento de hostalería da Avenida da Coruña

Unha muller denunciou ter sido agredida no interior dun establecemento da Avenida da Coruña mentres tomaba unha consumición como clienta. Segundo o seu relato, dúas mulleres achegáronse a ela, insultárona, propinaronlle unha bofetada e rasgáronlle a camiseta que vestía. As agresoras, que ían acompañadas de menores, abandonaran o local cando chegaron os axentes. A vítima presentaba inchazo visible no óso da carriza esquerda e a prenda destruída. Un empregado do establecemento presenciou a agresión e constatouse a existencia de cámaras de videovixilancia no local. A afectada foi informada dos pasos a seguir para presentar denuncia e solicitar as imaxes gravadas.

Dúas mulleres agredense mutuamente no interior dun local de hostalería do centro

Os axentes acudiron a un local de hostalería tras recibir aviso de que dúas clientas se engancharan nunha pelexa e negábanse a marchar ata a chegada da Policía. Cada unha das implicadas atribuíu á outra ter iniciado a agresión: unha amosou aos axentes unha cantidade de cabelo que afirmou lle fora arrincado, mentres que a outra sostivo ter recibido un golpe na cara sen mediar provocación. Ambas foron informadas do seu dereito a presentar denuncia e a acompañala, no seu caso, do parte de lesións. As dúas mulleres abandonaron o local sen máis incidencias.

Axentes da Policía Local evitan que un incendio en varios contedores se propague aos edificios da rúa Escultor Asorei

Un transeúnte alertou á Policía Local de que un dos contedores da rúa Escultor Asorei desprendía fume. Á chegada dos axentes, o lume era aínda de baixa intensidade, polo que procederon a utilizar o extintor do vehículo policial para sofocalo. Con todo, segundos despois de baleiralo, as chamas reaviváronse con forza e o lume propagouse ao contedor adxacente de envases plásticos. Ante a rápida extensión do incendio, os efectivos, aos que se sumou un compañeiro policial que se atopaba fóra de servizo, desprazaron manualmente o resto de contedores a distintos puntos da rúa para cortar a propagación, logrando que o lume quedase limitado aos dous recipientes xa afectados.

Pouco despois presentouse unha dotación do servizo de bombeiros do Concello de Lugo, que sofocou definitivamente o incendio, retirou os restos de plástico derretido sobre o asfalto e aplicou auga sobre a fachada do edificio número 9 da rúa, que recibira o impacto directo das chamas. Encargouse posteriormente aos servizos municipais de limpeza a retirada dos sólidos calcinados.

O incendio causou danos materiais de consideración: rotura de fiestras no entresuelo do edificio afectado, deterioro da súa fachada e deformación da placa de matrícula traseira dun turismo estacionado no lado oposto da rúa. Desconóscese a orixe do lume e non se identificou a ningunha persoa nas inmediacións no momento dos feitos. Os axentes actuantes presentáronse posteriormente na Comisaría do Corpo Nacional de Policía en cumprimento dos protocolos internos da Xefatura.

Noticias relacionadas