A campaña inclúe a instalación de tres tratores en diferentes prazas da cidade, nos que, a través de códigos QR, se poderá acceder ás experiencias de seis mulleres rurais asociadas de Fademur.
Como parte da programación, tamén se presentará a obra de teatro foro 'La Pimentera' no Centro Social de Abella, que fomenta a reflexión sobre a igualdade no rural.
"Queremos poñer en valor a forza e a resiliencia das mulleres do rural como auténticas protagonistas do desenvolvemento sostible das nosas comunidades", afirmou a concelleira Ángeles Novo.

O Executivo de Paula Alvarellos, en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur), lanza a campaña 'Mulleres Tratoras' con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o próximo 15 de outubro. A través desta iniciativa, impulsada pola concellería de Muller e Igualdade, o Goberno local busca visibilizar o papel fundamental das mulleres rurais e dar voz ás súas historias e experiencias de vida.
A edil Ángeles Novo destacou a importancia desta campaña para "poñer en valor a forza e a resiliencia das mulleres do rural, que son auténticas protagonistas do desenvolvemento sostible da nosa contorna". A concelleira sinalou tamén que "con esta iniciativa queremos que a cidadanía coñeza as súas historias e se achegue á realidade que viven cada día".
Durante o período comprendido entre a noite do 14 de outubro e o día 20 de outubro, instalaranse tres tratores na Praza Maior, a praza de Augas Férreas e na praza do Ferrol. Cada un destes tratores contará cun código QR que permitirá acceder a vídeos nos que tres mulleres rurais, asociadas de Fademur, comparten as súas experiencias e reflexións sobre o papel das mulleres no rural.
Obra de teatro no Centro Social de Abella
Ademais, como parte da programación, o Centro Social de Abella acollerá a obra de teatro foro 'La Pimentera', unha produción que busca xerar debate e reflexión sobre a igualdade no ámbito rural. Esta representación permite que o público participe activamente, promovendo unha análise colectiva das situacións que afectan ás mulleres no rural e buscando solucións desde a propia comunidade.
Ángeles Novo afirmou que "é fundamental que como sociedade avancemos cara a unha igualdade real, e o teatro foro é unha ferramenta poderosa para promover esta reflexión e converter a toma de conciencia en acción".
Unha alianza de longo recorrido con Fademur
A campaña 'Mulleres Tratoras' reflicte o compromiso do Executivo de Paula Alvarellos coa igualdade e o progreso no rural, a través dunha colaboración constante con Fademur. Ao longo dos anos, esta colaboración quedou plasmada en iniciativas como 'Cultivando Igualdade' e 'A Forza das Mulleres Rurais', que tiveron un impacto significativo na vida das mulleres rurais. Ángeles Novo destacou a importancia deste traballo conxunto, subliñando que "é grazas a esta alianza que podemos seguir impulsando proxectos que poñen en primeira liña os desafíos e as fortalezas das mulleres que viven e traballan no rural".
Audio
- A edil Ángeles Novo, sobre a campaña 'Mulleres Tratoras' no Día Internacional da Muller Rural | Descargar mp3

