O escritor Manuel Francisco Reina será o protagonista da próxima cata literaria no MIHL

A sesión celebrarase este xoves, ás 20:00 horas, e os interesados poden mercar xa a súa entrada por un prezo de 5 euros en www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio MIHL

Luns, 09 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O escritor Manuel Francisco Reina será o protagonista da próxima cata literaria no MIHL

O escritor Manuel Francisco Reina será o protagonista da quinta cata literaria do Museo Interactivo da Historia (MIHL) este xoves, 12 de maio, ás 20:00 horas. Así o anunciou este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que se trata dun autor que é un loitador e un defensor da Lei de Patrimonio histórico e artístico.

Este novelista, poeta, guionista, crítico literario e dramaturgo, natural de Jerez de la Frontera, é autor de Los amores oscuros, a novela que recrea o amor entre Lorca e Juan Ramírez de Lucas. Este libro trata de eliminar os prexuízos e defender as liberdades que teñen que acompañar ao ser humano. Tamén trata a intelixencia moral e intelectual de Lorca e facéndoa ver como unha vida normal, como a de calquera persoa.

Carmen Basadre avanzou que todos os interesados poden mercar a súa entrada por 5 euros na web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo, de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, e no propio MIHL, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas.

Nestas catas literarias, que teñen lugar o primeiro xoves de cada mes ata xuño, tamén haberá gastronomía lucense acompañada de viño da Ribeira Sacra. Ademais, durante todos os eventos, un grupo de música de Lugo acompañará aos asistentes. O xoves, as tapas correrán a cargo do Bar Antas, e a música, do dúo de arpa e contrabaixo Cidalia.

Como en anteriores ocasións, as librerías da cidade porán á disposición dos asistentes no MIHL a bibliografía do escritor protagonista para que os asistentes poidan mercalos e os asine o propio autor. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o protagonista da seguinte cata literaria|Descargar mp3

Noticias relacionadas