O entroido lucense volverá a soar a copla co 15º concurso de ferretes, que reparte 500 euros en premios

O Concello colabora coa Asociación Pepe Barreiro neste certame, que terá lugar o 6 de marzo. As persoas interesadas en participar poden entregar as súas composicións ata o 26 de febreiro na área municipal de Cultura

Mércores, 23 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo colabora un ano máis coa Asociación Pepe Barreiro na convocatoria do 15º Concurso de Ferretes de Entroido, que terá lugar o 6 de marzo, con motivo da celebración do Enterro da Sardiña o mércores de cinza. Todas as persoas interesadas poden entregar a súa composición ata o día 26 de febreiro ás 14:00 horas na área municipal de Cultura.

A forma de presentación dos traballos farase en sobre pechado, dirixido á Asociación Pepe Barreiro, con pseudónimo. Dentro deste, e acompañado pola propia composición, meterase outro máis pequeno cos datos persoais no seu interior. O pseudónimo figurará, do mesmo xeito, no exterior deste segundo sobre.

Poderá participar neste concurso calquera cidadán ou cidadá sen límite de idade. Os ferretes, tal e como establecen as bases, deberán estar escritos en lingua galega e o seu contido fará referencia a acontecementos de actualidade local (preferentemente), provincial ou galega. Primarase a orixinalidade e o enxeño, con boa carga crítica no tratamento das temáticas social, política, cultural ou deportiva. O retrouso, que se irá repetindo entre estrofa e estrofa, terá que ser unha estrofa de catro versos heptasílabos e os ferretes recitados, como mínimo de catro e máximo de seis versos.

O xurado estará formado por cinco membros da mencionada Asociación Pepe Barreiro, que emitirán un dictame inapelable, podendo deixar algún premio deserto.

O premio ao mellor retrouso ten unha dotación de 150 euros. Para o primeiro premio corresponden 100 euros, 50 € para o segundo, 30 € para o terceiro, e 10 € para os 17 seguintes, cun total de premios de 500 €. O xurado, se o estima oportuno, poderá conceder accesits dotados con 10 € cada un.

Documento

Noticias relacionadas