O Encontro Universitario de Danza amosa os días 21 e 22 no Vello Cárcere as obras de 5 compañías e a mostra 20 anos non son nada

A Concelleira de Cultura, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus Jesús Varela presentaron este ciclo, ademais do Curso de Primavera Andar, Marchar, Camiñar, ambas iniciativas enmarcadas no programa Lugo Cultural que impulsan Concello, Deputación e USC

Luns, 11 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Encontro Universitario de Danza amosa os días 21 e 22 no Vello Cárcere as obras de 5 compañías e a mostra 20 anos non son nada

O XVII Encontro Universitario de Danza presentará os días 21 e 22 de marzo no Vello Cárcere de Lugo as producións artísticas de cinco compañías de danza e a mostra fotográfica 20 anos non son nada, organizada co gallo do vixésimo aniversario do nacemento do Espazo de Danza da USC e que permitirá ao público, a través da ollada de Chus Varela, observar de novo, ou por vez primeira, imaxes de bailaríns, mestres e coreógrafos que pasaron e xa forman parte da historia do espazo de danza que coordina desde hai dúas década na USC Juan Carlos Zahera.

As producións propias da USC volven centrar un ano máis a oferta do XVII Encontro Universitario de Danza, un fito artístico da axenda cultural luguesa que neste 2019 amosará no patio central do Vello Cárcere creacións orixinais das compañías DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Compañía Sen Vergoña, integrada por alumnado de IV Ciclo e dirixida tamén por Juan Carlos Zahera, e a nova formación independente da USC Compañía Schattenidentitäten. A este elenco de formacións súmase a Aula de Danza da Universidade da Coruña

O Encontro Universitario de Danza constitúe desde hai máis de tres lustros unha das citas artísticas consolidadas na primavera luguesa grazas ao convenio Lugo Cultural, un programa promovido conxuntamente polo Concello, a Deputación de Lugo e a USC, tal e como lembraron este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Sevizos, no acto de presentación deste evento, así como do Curso de Primavera da USC Andar, camiñar, marchar,, que se desenvolverá do 10 ao 12 de abril na Facultade de Humanidades de Lugo.

Carmen Basadre subliñou que a danza “é a maior expresión de liberdade que existe, polo que celebrar este encontro nun espazo de represión como foi o Vello Cárcere ten un significado moi especial”.

A programación do XVII Encontro Universitario de Danza, unha iniciativa creada co obxectivo de favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade, mantén este ano as mesmas pretensións que posibilitaron nestes anos que compañías universitarias de danza procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico e Colombia, entre outros países, presentaran as súas respectivas creacións artísticas nos distintos campus da USC. Aínda así, a inclusión da mostra fotográfica 20 anos non son nada supón unha aposta pola transversalidade, ao tempo que supón un intento de facer máis visible o traballo desenvolvido no Espazo de Danza da USC.

Programa do XVII Encontro Universitario de Danza

A nova Compañía independente Schattenidentitäten abrirá o xoves 21 de marzo, a partir das 20.30 horas, no patio central do Vello Cárcere, o programa de representacións coa coreografía All the world's a stage , interpretada e corografiada por Xina Menrad e José Vera. Esta produción é realidade grazas o programa anual da Área de Cultura de axudas á creación e proxectos das distintas agrupacións independentes de Danza e Teatro, que convoca a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos.

Logo da intervención desta formación independente da USC, a compañía da Aula de Danza da Universidade de Coruña (UDC) presentará ao público lugués a obra ACCIÓNS, con coreografía de Rut Balbís. A compañía DanzaUSC-Lugo botará o pano da xornada inaugural deste encontro coa produción Permeables, con coreografía de Rosa Acuña.

A formación sénior, Sen Vergoña, integrada por alumnado do IV Ciclo do campus de Lugo da USC, abrirá o programa do 22 de marzo coa presentación de Resiliencia, con coreografía de Rosa Acuña. De seguido, a compañía DanzaUSCompostela porá en escea O Solticio de Piazzola, unha nova produción coreografiada por Xiana Vilas. A xornada rematará cunha nova intervención da Compañía DanzaUSC-Lugo.

Curso de Primavera Andar, camiñar, marchar

O Curso de Primavera da USC Andar, camiñar, marchar, un programa dirixido polos profesores ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Max Jean Zins e Felipe Arias, baixo a coordinación de María Isabel González Rey, que se desenvolverá do 10 ao 12 de abril no citado centro universitario lugués. As persoas interesadas en participar neste curso poden inscribirse ata o 9 de abril no enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es

Esta nova edición deste foro de debate e pensamento pretende abordar de xeito transversal e multidisciplinar o feito de andar e camiñar, de poñerse en movemento tanto as persoas coma os animais e tanto en grupo como individualmente. Daquela, os distintos relatores convidados a participar neste curso abordarán esta realidade desde moi diversos puntos de vista: físico, sociolóxico, histórico, antropolóxico, relixioso, lúdico e mesmo imaxinario, sen que isto esgote os aspectos que debater.

Este curso de primavera actuará tamén como marco do I Certame de Videocreación do Campus de Lugo, unha iniciativa aberta á participación de todo o público interesado en presentar propostas audiovisuais sobre a temática do curso e que contempla premios á mellor imaxe visual e á mellor imaxe literaria (Premio Isidro Novo), dotados con 300€ cada un. As persoas interesadas poden enviar as súas propostas ao enderezo cultura.lugo@usc.es ata o 7 de abril.

Audio

  • A edil Carmen Basadre, sobre a Presentacion do Encontro de Danza| Descargar mp3

Noticias relacionadas