O curso de primavera Cultura e Humor evoca a memoria do pensador lucense Celestino Fernández de la Vega

Carmen Basadre participou este martes na presentación da décimo segunda edición deste curso

Martes, 19 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O curso de primavera Cultura e Humor evoca a memoria do pensador lucense Celestino Fernández de la Vega

O binomio Cultura e Humor dá nome á decimo segunda edición do Curso de Primavera da USC, un programa de debate e pensamento organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural que botou a andar este martes na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde os diversos relatores convidados, algúns chegados do alongado oriente, abordarán durante catro xornadas as distintas manifestacións culturais e sociais do humor no marco dun foro interdisciplinar coordinado polos profesores da USC María Xesús Vázquez Lobeiras e Alexandre Veiga.

A temática Curso de Primavera da USC Cultura e Humor é suficientemente ampla como para poder ser abordada de xeito interdisciplinar polo conxunto de áreas representadas na Facultade de Humanidades de Lugo, o único centro da USC que ten definido o seu carácter interdisciplinar, segundo indicou Vázquez Lobeiras. A evocación da figura e da memoria do pensador lucense Celestino Fernández de la Vega, autor, entre outras, do senlleiro ensaio O segredo do Humor (1963), coincidindo co 30 cabodano do seu pasamento, constitúe un motivo engadido para esta escolla, sinalou Vázquez Lobeiras na inauguración dun curso que “tamén permite facer visibles algúns dos froitos xa collidos na Facultade de Humanidades, como o son alumnos e alumnas xa egresados do centro que se están a abrir un oco nos ámbitos da industria e a xestión cultural”, dixo.

A diversidade temática e, sobre todo, consolidación dos cursos de primavera da USC na programación formativa e cultural da Facultade de Humanidades e da capital lucense, na que este programa xa está pouco menos que institucionalizado, foi unha das ideas máis repetidas na sesión de apertura deste curso, un acto no que, ademais da coordinadora, tamén participaron a concelleira de Cultura Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; Xosé Antón Ledo, asesor da área de Cultura da Deputación Provincial, e María Isabel González Rey, decana da Facultade de Humanidades da USC, “un centro universitario cuxa creación no campus de Lugo xa fora demandada por Celestino Fernández de la Vega, un adiantado ao seu tempo”, comentou.

Programa e relatorios

O programa do Curso de Primavera da USC Cultura e Humor, no que participan docentes, investigadores egresados e alumnos da Facultade de Humanidades, así como relatores convidados do campus de Santiago ou doutras universidades galegas e españolas, ademais de especialistas estranxeiros, comezou cun relatorio da profesora da Facultade de Filoloxía da USC Eva Castro Caridad, sobre o humor e a crítica na poesía latina.

Luis Valle, António José Ferreira Afonso, Félix Caballero, Dénis Iglesia e María Xesús Vázquez Lobeiras completan a nómina de relatores desta primeira xornada do curso, durante a que se afondou nas ligazóns co humor presentes na obra de Fernández de la Vega, así como na literatura portuguesa e nos escritos de Kant, ademais de tratar temas relacionadas como a retranca ou a sátira política.

O relatorio Amor e humor no epistolario de Pardo Bazán-Pérez Galdós, a cargo da profesora da USC Cristina Patiño, abrirá o martes a quenda de intervencións da segunda xornada deste curso, durante a que se presentarán as súas respectivas achegas sobre esta temática os profesores da USC na Facultade de Humanidades Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Fernando Suárez Golán, ademais doutros especialistas estranxeiros como o son profesora e hispanista da Universidade de Rennes Françoise Dubosquet, autora de diversas publicacións encol do humorismo gráfico de El Roto, ou o profesor ad honorem Max Jean-Zins, que ofrecerá a súa visión sobre o tráxico suceso de Charlie Hebdo. O obradoiro creativo A lanterna máxica, guiado por Brian Cortiñas e Rubén Pérez, cerrará o programa do mércores.

Dúas intervencións sobre o choteo e a resistencia na canción popular cubana e nas marionetas de Barriga Verde, a cargo de Ana Chouciño e Comba Campoy, abrirán o programa da terceira xornada do curso, que, ademais de diversos relatorios, inclúe un espectáculo humorístico, a cargo de Carmen Conde Gaute.

Unha aproximación ao humor na literatura infantil e xuvenil feita pola profesora da USC Montse Pena Presas, e dous relatorios sobre regras sintácticas e efectos humorísticos e a presenza de humor satírico nos tradutores áureos de Luciano de Samósata, a cargo de Julio Borrego Niego, da Universidade de Salamanca, e Theodora Grigoriadou, da Universidade de Atenas, pecharán o venres este XII Curso de Primavera da USC.

Noticias relacionadas