O curso de primavera Cultura e Humor e o Encontro de Danza reforzan a oferta cultural do campus de Lugo do 19 ao 23 de abril

Carmen Basadre participou este venres na presentación das novas edicións destes programas de arte e pensamento, organizados ao abeiro do convenio Lugo Cultural

Venres, 08 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O curso de primavera Cultura e Humor e o Encontro de Danza reforzan a oferta cultural do campus de Lugo do 19 ao 23 de abril

O XII Curso de Primavera da USC, que se desenvolverá do 19 ao 22 abril na Facultade de Humanidades do campus de Lugo baixo o título Cultura e Humor, e o XIV Encontro Universitario de Danza Contemporánea, que presentará os días 22 e 23 de abril na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) reforzarán este mes a programación cultural do campus lugués.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o Deputado de Cultura, Xosé Ferreiro; a profesora do Departamento de Filosofía da USC María Xesús Vázquez Lobeiras, que é coordinadora, xunto co catedrático Alexandre Veiga, do curso de primavera, e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, presentaron este venres as novas edicións duns programas de arte e pensamento, organizados ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que contan xa con marcado arraigo na axenda cultural luguesa.

A temática escollida para esta nova edición do Curso de Primavera da USC Cultura e Humor, é suficientemente ampla como para poder ser abordada de xeito interdisciplinar polo conxunto de áreas representadas na Facultade de Humanidades de Lugo, a única definida como interdisciplinar en toda a USC, segundo indicou Vázquez Lobeiras. A coordinadora deste curso monográfico sinalou asemade como motivo engadido para esta escolla a evocación da memoria do pensador lucense Celestino Fernández de la Vega, autor do senlleiro ensaio O segredo do Humor (1963).

O programa deste curso réxese polos mesmos criterios que as edicións anteriores. Conta así coa participación de profesores e doutorandos da Facultade de Humanidades, de convidados do campus de Santiago ou doutras universidades galegas ou españolas, así como de especialistas estranxeiros. Así, cómpre citar a profesora da Universidade de Atenas Theodora Grigoriadou, que falará da influencia do autor satírico latino Luciano de Samósata na literatura satírica español, ou a tamén profesora e hispanista da Universidade de Rennes Françoise Dubosquet, autora de diversas publicacións encol do humorismo gráfico de El Roto. Dubosquet acude ademais a este curso como coordinadora do programa de doutoramento común que desenvolven a Facultade de Humanidades e a citada universidade bretona.
 
O curso abrangue tanto as manifestacións do humor na literatura ou na política antigas, ate sucesos tráxicos como o episodio de Charlie Hebdo, un tema que recentemente sacudiu os piares da convivencia e do que tratará o profesor ad honorem de Humanidades Max Jean Zins.

A participación neste programa de ex alumnos da Facultade de Humanidades que xa se teñen aberto paso no eido da cultura  debido é outro dos aspectos salientados polos organizadores deste curso de primavera da USC, que destacan a participación neste programa do escritor Luis Valle Regueiro, así como dos humoristas e artistas escénicos Carme Conde, Brian Cortiñas e Rubén Pérez. Vázquez Lobeiras sinalou asemade que os estudantes de intercambio xaponeses que acolle a Facultade de Humanidades participan tamén no evento a través dun obradoiro creativo sobre o humor coordinado por María Sandra López.

Aberto o prazo de inscrición

As persoas interesadas en participar neste curso poden formalizar a inscrición na área de Cultura do Campus de Lugo. Para obter máis información respecto ao desenvolvemento deste programa, para o que sen solicitado o recoñecemento dun crédito académico, poden chamar ao número de teléfono 982 821 513 ou dirixirse a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es

XVI Encontro Universitario de Danza Contemporánea

A décima cuarta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, un foro artístico pioneiro en Galicia e tamén dos máis lonxevos do panorama universitario español, congregará os días 22 e 23 de abril na caixa negra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) cinco compañías de danza nacidas ao abrigo do Espazo de Danza da USC e baixo a dirección de Juan Carlos Zahera  nos campus de Lugo e de Santiago (DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Compañía Sen Vergoña do IV Ciclo e as novas formacións independentes: Compañía Camiños e a Compañía Efímero Divadlo), presentarán distintas producións propias.

A nova compañía independente Camiños, abrirá o 22 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL, o programa de representacións do XIV Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC coa coreografía Desconexión. De seguido Efímero Divadlo porá en escea a coreografía Alien, interpretada e con corografía por Daniel Lazso, á que seguirá Tras a pel, a cargo da compañía danzaUSCLugo.
 
A compañía danzaUSCompostela xunto coa Orquestra do Espazo de Cámara da USC presentará o sábado 23 de abril, a partir das 20.30 horas, na caixa negra do MIHL a obra O mesmo océano abrázanos longamente, unha nova produción colectiva propia. Logo da intervención desta formación artística, a compañía Sen Vergoña de IV Ciclo da USC representará Tanto en tan pouco. O encontro de danza rematará cun novo pase da a compañía danzaUSCLugo.

Noticias relacionadas