O Concello renova o convenio de colaboración con FAPACEL para impulsar as políticas europeas de educación, formación e emprego

Para Ana Prieto esta sinerxia, que se establece por segundo ano consecutivo, supón unha oportunidade máis para continuar dando a coñecer, e máis concretamente na comunidade escolar, todos os aspectos relacionados a Europa

A edil lembrou como a Unión Europea contribuíu e está a contribuir a mellorar Lugo e a calidade de vida da veciñanza, a través de iniciativas financiadas con fondos europeos, como o Muramiñae, o Lugo+Biodinámico, e o Lugo Smart City

Xoves, 19 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo renova a súa colaboración coa Federación Provincial de Anpas de Centros de Ensino Públicos de Lugo (FAPACEL) para continuar impulsando políticas europeas de educación, formación, emprego e apoio ao emprendemento. Así o deu a coñecer este xoves a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen explicou que, para este obxecto, se volverá a asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades, coa finalidade de difundir as actividades programadas dende a entidade local relacionadas coas mencionadas políticas, así como a sensibilización da cidadanía sobre as mesmas.

Para Ana Prieto esta sinerxia, que se establece por segundo ano consecutivo, supón unha oportunidade máis para continuar dando a coñecer, e máis concretamente na comunidade escolar, todos os aspectos relacionados a Europa, fomentando os intercambios, o diálogo e o entendemento entre as institucións e a opinión pública, así como difusión de diversas actividades. Nesta liña a edil lembrou como Europa contribuíu e está a contribuir a mellorar Lugo e a calidade de vida dos veciños e veciñas, a través de iniciativas financiadas con fondos europeos, como o Muramiñae, para unir a cidade e o Miño, o Lugo+Biodinámico, para impulsar unha cidade sostible, ou o Lugo Smart City, co obxecto de converter o municipio en intelixente.

No marco desta colaboración, o Concello facilita á federación un local no edificio no que se ubica o Espazo Lab, dende onde se informa á cidadanía de todos os aspectos institucionais relacionados coa Unión Europea, dende onde se programan actividades ao longo do ano para dar a coñecer a pertencia de Lugo á Unión Europea e tamén dende onde se implementan todos os programas de emprego, formación e orientación laboral, tanto con financiamento propio como europeo. O convenio terá unha duración de 4 anos.

Audio

Noticias relacionadas