O Concello reforza o día 1 o autobús urbano que cubre a ruta ao cemiterio municipal

Haberá dous buses, dende as 09:30 ás 19:00 horas, con saída dende sindicatos cada 20 minutos, por Ronda da Muralla, rúa Santiago, Volta da Viña, Estrada Vella de Santiago

Luns, 30 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello reforza, coma en anos anteriores, o servizo de autobús urbano que cubre a ruta ao cemiterio municipal de San Froilán, para facilitarlles aos veciños e veciñas o desprazamento ao camposanto nestas datas sinaladas. Así, haberá dous buses, dende as 09:30 ás 19:00 horas, con saída dende sindicatos, cada 20 minutos, por Ronda da Muralla, rúa Santiago, Volta da Viña, Estrada Vella de Santiago e cemiterio, e viceversa. Ademais, funcionará o servizo normal da liña 5E, que realizará o seu itinerario e horario normal dun día festivo.

Actividades culturais

A Concellería de Concello e Cidadanía, que dirixe Rosana Rielo, organizou unha programación de actividades culturais para conmemorar o Día de Defuntos no cemiterio, que se estrea como camposanto de mellores actividades de portas abertas de España, galardón que se suma ao de mellor monumento funerario de España.

Baixo o lema Estampas de paz e acougo, a quinta edición do Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo, versa sobre as figuras escultóricas nos cemiterios lucenses, as emocións e os sentimentos que trasmiten. Darase unha especial relevancia á captación da sensación de paz e harmonía coa que se impregan os recintos dos cemiterios. O prazo para presentar traballos remata o mércores, día 1. Como en anos anteriores, establécense tres premios, que nesta quinta edición incrementan a cuantía, 500 euros para o primeiro, 200 para o segundo e 75 para o terceiro. Os traballos presentados expoñeranse na Capela do cemiterio.

Para o día 1 de novembro, o Concello ten programada música clásica ao longo de toda a xornada, e para o día 2, a tradicional ofrenda floral que a Corporación fai aos defuntos, ademais dun concerto da coral Lugh, a partir das 19:30 horas.

O día 4 de novembro celebrarase unha andaina polo Camiño Primitivo ata o cemiterio. O punto de saída establécese na Porta do Carme, ás 10:30 horas. O recorrido ten unha distancia aproximada de 5 quilómetros. Para participar nesta actividade é preciso inscribirse, ben a través do teléfono de atención cidadá 010 ou no Negociado do cemiterio, no Centro de Servizos Municipais. A data límite é o día 3. Os e as menores de idade deberán ir acompañados e con autorización dos seus titores legais. O Concello aconsella que cada persoa participante vaia provista de calzado cómodo, auga e un chaleco reflector.

Ao día seguinte, o 5 de novembro, o taller de arte dramática da USC-Lugo, Espazo 10 e Palimoquiños realizarán unha lectura dramatizada de Don Juan Tenorio. A entrada é de balde, pero deberanse retirar as invitacións previamente, pois existe un número limitado de 50 prazas, no Negociado de Cemiterio.

O día 8 de novembro, a partir das 19:00 horas, no cemiterio municipal celebrarase o Concerto da Lembranza e para o día 9 de novembro, ás 19:00 horas, está previsto un roteiro nocturno, con número limitado de 30 prazas. As inscricións tamén deben facerse no 010 e no Negociado de Cemiterio.

Noticias relacionadas