O bus urbano segue a superar os rexistros con máis de 200.000 usuarios no mes de maio

Rubén Arroxo destacou que a área de Mobilidade seguirá "animando á veciñanza a utilizar o bus urbano nos seus desprazamentos".

Maio pecha con 206.506 viaxeiros, superando a mellor marca do rexistro (2024) en preto de 13.000 usuarios.

Venres, 06 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O bus urbano segue a superar os rexistros con máis de 200.000 usuarios no mes de maio

Rubén Arroxo, Tenente de Alcalde do Concello de Lugo e concelleiro responsábel do transporte público, deu conta dos datos de usuarios no Bus Urbano no mes de maio do 2025, uns datos que superan a mellor marca rexistrada desde que o Concello de Lugo garda rexistro de usuarios. Maio de 2025 pechou cun total de 206.506 billetes expedidos, superando en preto de 13.000 billetes a mellor marca histórica, a rexistrada no mesmo período do ano 2024.

Con estes novos datos, o bus urbano continúa a demostrar que é xa "o medio de transporte principal da maior parte da veciñanza de Lugo", dixo Rubén Arroxo, que engadiu "tras a recuperación da pandemia e a adaptación da veciñanza a un modelo de liñas que conectan a preto do 90% das persoas de Lugo, o bus está a demostrar que é a mellor maneira de moverse por Lugo".

A área de mobilidade continúa a traballar na promoción do bus urbano entre a veciñanza como "un transporte económico que facilita as viaxes, ao non ter que preocuparse de buscar espazo para aparcar", segundo explicou o Tenente de Alcalde. Ademais, o bus urbano de Lugo é o máis barato de Galiza e o terceiro máis barato do estado, cun prezo de 0,64€ o billete ordinario (0,45€ usando a tarxeta cidadá), e 0,31€  no caso do transporte bonificado para as persoas con mobilidade reducida,  pensionistas, desempregadas ou estudantes. Ademais, todas as persoas que utilizan a Tarxeta Cidadá gozan de transbordos gratuítos para os seus desprazamentos.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Audio

  • O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre os usuarios do bus | Descargar mp3

Noticias relacionadas