O Concello organiza unha conferencia para homenaxear as tertulias do café Méndez Núñez

Carmen Basadre presentou esta conferencia, que será impartida por Xesús Alonso Montero. Previamente descubrirase unha placa conmemorativa na fachada do propio hotel

Martes, 13 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este martes a conferencia As tertulias antifranquistas do café Méndez Núñez entre 1960 e 1975, que se levará a cabo este xoves, 15 de decembro, ás 20:00 horas no Salón de Plenos. Trátase duncha charla organizada polo Concello para render tributo ás tradicionais tertulias do café Méndez Núñez.

Tal e como deu a coñecer a edil, previamente a esta conferencia, descubrirase unha placa conmemorativa sobre estas tertulias, que estaban integradas por intelectuais, profesionais e moita xente que quería dialogar sobre actividades culturais ou cuestións políticas, como foron Ánxel Fole, Ánxel Xoán, Ricardo Carballo Calero, Tino Grandío ou Celestino Fernández de la Vega. Nos primeiros anos, esta tertulia estivo aglutinada en torno a Luis Pimentel, que tras a súa morte colleu o relevo Celestino Fernández de la Vega.

Basadre lembrou o nacemento destas tertulias integradas por intelectuais e profesionais liberais onde se falaban de temas culturais e políticos, sempre cun denominador común: a liberdade de expresión. A do Méndez Núñez foi tan famosa, que persoas insignes que viñan de paso á cidade luguesa, como Ferrín, Cunqueiro ou María Xosé Queizán, tentaban sumarse á mesma.

En palabras da Concelleira, con este tipo de actos preténdese facer unha homenaxe a toda esta xente, na que se atopaba Xesús Alonso Montero, que vai ser o encargado de imparta esta charla. Forma parte tamén desta homenaxe unha pequena publicación sobre esta conferencia, que se ilustrará con fotografías dalgunha destas tertulias.

Para rematar, Carmen Basadre, quen ensalzou a Lugo como unha cidade caracterizada pola súa inquedanza cultural e política, convidou á cidadanía a asistir a ambos os dous actos de homenaxe.

Noticias relacionadas