O Concello organiza talleres de xadrez nos centros de convivencia atendendo ás peticións veciñais

Os obradoiros terán lugar a partir do vindeiro luns e ata o 16 de decembro, nos centros da Milagrosa, Fingoi e Uxío Novoneyra. Non é necesaria inscrición previa para participar

Xoves, 05 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xadrez na memoria

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, deu a coñecer este xoves as novas actividades de xadrez, abertas a toda a poboación, que organiza o Concello nos centros de convivencia da Milagrosa, Fingoi e Uxío Novoneyra a partir do vindeiro luns, 9 de novembro, e ata o 16 de decembro, en resposta ás peticións veciñais nos Orzamentos Participativos. “Coa organización destas actividades que buscan potenciar o xadrez como unha ferramenta social, continuamos a executar os 59 proxectos demandados polos veciños e veciñas de Lugo, que contan cunha dotación económica de 500.000 euros”, afirmou González Abelleira.

“Baixo o nome de O Xadrez, o ximnasio da memoria, pretendemos promover o xadrez como método de mellora das capacidades cognitivas dos lucenses, ao tempo que ofrecemos unha alternativa máis aos veciños e veciñas de Lugo que queiran aprender novas habilidades para ocupar o seu tempo de lecer, poñendo á súa disposición os centros de convivencia”, asegurou a edil.

Ao longo dun mes, os centros de convivencia da Milagrosa, Fingoi e Uxío Novoneyra acollerán estes obradoiros, que terán lugar os luns, martes e mércores, das 18:30 ás 20:30 horas, respectivamente. Os sábados, de 11:30 a 13:30 horas, os talleres de xadrez realizaranse no centro de convivencia Uxío Novoneyra. Non é necesaria inscrición previa para participar.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre os talleres de xadrez | Descargar mp3

Noticias relacionadas