O Concello logra 4,1 millóns de euros para converter a Lugo nunha cidade intelixente e sostible

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo vén de conceder ao Concello o proxecto Lugo Smart City, cofinanciado pola entidade local nun 40%

“Este Goberno quere recuperar os espazos para a xente, e neste caso queremos recuperar a administración para os veciños grazas ao uso das TIC, para gañar en calidade de vida e facilitarlles o acceso ao Concello”, subliñou a Alcaldesa

Inclúe a xestión de aparcamento a través de sensores para 200 prazas, a lectura de auga e a detección de almacenamento nos colectores de lixo a través de GPRS ou 3G, ou a mellora de eficiencia enerxética en 6 dependencias municipais

Martes, 02 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello logra 4,1 millóns de euros para convertir a Lugo nunha cidade intelixente e sostible

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este martes de que o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo vén de conceder ao Concello o proxecto Lugo Smart City, enmarcado dentro a II Convocatoria de Cidades Intelixentes. Deste xeito, Lugo disporá de 4,1 millóns de euros para “convertirnos nunha cidade intelixente e sostible”, explicou Méndez, quen subliñou que “este Goberno Municipal quere ser o goberno que recupere os espazos para a xente, e neste caso queremos recuperar a administración para os veciños grazas ao uso das TIC, para gañar en calidade de vida dos lucenses facilitándolle o acceso á sua casa, ao Concello”. Grazas ao Lugo Smart City, a entidade local busca transformar Lugo e estar na vangarda da eficiencia das TIC, tendo en conta para elo a dispersión da poboación do municipio e o amplo territorio rural.

“Son moitas as definicións de Smart City, pero en Lugo gústanos aquela que considera unha cidade como intelixente cando as inversións en capital humano e social, en infraestruturas e comunicación tradicionais e modernas, fomentan un desenvolvemento económico sostible e unha elevada calidade de vida, cunha xestión intelixente dos recursos naturais, a través dun goberno participativo”, asegurou a rexedora ao tempo que facía fincapé en percibir de maneira práctica o concepto de Cidade Intelixente, “onde os veciños exerzan un papel fundamental á hora de facer evolucionar a súa cidade”.

Orzamento

O proxecto conta cun orzamento de 4.112.801 euros, dos que o Ministerio achega o 60%, uns 2,5 millóns, a través de Red.es, coa cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e o Concello o resto, máis de 1,6 millóns de euros, 822.560 euros para esta anualidade e outros 822.560 para a que vén.

Un proxecto transversal, apoiado por empresas público-privadas

Lugo Smart City levouse a cabo dende diversas concellerías, a de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico. a de Concello e Cidadanaía e a de Desenvolvemento Sostible, así como dende diversas áreas como o Centro de Empresas e Innovación, novas tecnoloxías, informática, administración electrónica, estatística, rexistro, arquivo, medio ambiente e prensa. Ademais, a iniciativa municipal acadou o aval de 11 institucións públicas e privadas, a Deputación de Lugo, a USC, o Concello de Gijón, a Confedeación de Empresarios de Lugo, a Federación de Comercio, a Asociación de Empresarias de Lugo e Telefónica, así como a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a Fundación TIC e a Asociación Terras de Lugo. “Estes apoios, unha das variables que puntuaban para a concesión do proxecto e onde o Concello acadou a máxima valoración xunto co cofinanciamento, avalan que fixemos un gran traballo”, asegurou a rexedora. De feito, tal e como apuntou, dos 111 proxectos presentados soamente se aprobaron 14 propostas. A de Lugo foi a única de Galicia presentada de xeito individual que acadou financiamento, pois A Coruña e Santiago presentaron unha plataforma conxunta con Madrid e Zaragoza, quedando en sexto posto.  

Obxectivos do Lugo Smart City

Tal e como manifestou a rexedora, co Lugo Smart City o Concello busca integración para involucarar á cidadanía nos procesos adminsitrativos do Concello, eficiencia para mellorar a prestación de servizos públicos locais con alta incidencia no cidadán a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC; transparencia para facilitar o acceso, a consulta e o uso dos datos públicos dos servizos municipais e coordinación, para axilizar o traballo entre as áreas municipais a través da integración de servizos intelixentes.

Isto garantizará axilidade, máis participación da veciñanza e un aforro para a administración e a cidadanía de 1,6 millóns de euros nun ano, aforro que se verá incrementado a longo prazo, chegando ata 8 millóns de euros en 5 anos, é dicir, o dobre do invertido.

As accións do proxecto

As liñas de acción fundamentais que inclúe este proxecto son as seguintes:

  • Administración electrónica, co que se pretende unificar todas as tarefas administrativas internas e de seguridade (985.000 euros)
  • Plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais basado no GIS (sistema de información xeográfica) para a xestión adminsitrativa, económica, urbanística, ocupación da via pública, infraestruturas e mobiliario urbano (82.700€)
  • Tarxeta intelixente. Incluiría ademais do pago de transporte urbano que xa se pode realizar a día de hoxe, o pago de tasas municipais ou a autentificiación en administración electrónica, entre outras (190.000€).
  • Portal de Transparencia. Reforzo do actual, posto en marcha o pasado mes de maio, que inclúa ademais un portal de Goberno Aberto ou indicadores de transparencia (80.450 euros)
  • Xestión intelixente do aparcamento para 200 plazas –previsiblemente no centro da cidade-, a través dunha rede de sensores inalámbricos instalados no asfalto, que detectarán o peso dun vehículo, o que indicará que existe ou non unha praza libre de aparcaodoiro a través dunha App, que contará cun sistema de guiado ata a praza libre máis próxima (267.000€)
  •  Xestón de residuos sólidos urbanos, mediante o que se instalarán sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores, principalmente para os do territorio rural, cun software central, o que indicará se é necesario ou non pasar a recoller o lixo, co que se aforrará neste servizo, posto que se paga por desprazamento e tonelada recollida (607.400€)
  • Xestión de eficiencia enerxética en 6 dependencias municipais: Concello, Seminario, Piscina das Pedreiras e de Frigsa, CEI-NODUS e Centro Social Uxío Novoneyra) (459.000€)
  • Xestión do alumeado público no entorno urbano e rural, con regulación de fluxo lumínico a través de dispositvos de control (128.300€)
  • Xestión dos colectores de auga: que permite a lectura e supervisión a través de GPRS ou 3G (233.300 euros).

Ademais poñerase en marcha unha plataforma smart, que integre todos os proxectos verticais anteriores, cun orzamento de 125.000 euros.

“Ser cidade intelixente debe ser o camiño para avanzar no desenvolvemento local, a través dunha xestión eficiente e sostible dos servizos municipais, aos que se incorporen as TIC como factor clave de desenvolvemento. Nós temos 4.112.802 razóns para recorrer ese camiño”, concluíu Méndez.

Audio

Noticias relacionadas