O Concello e Auxilia actualizan a web de Lugo Accesible para facilitar unha cidade inclusiva e un turismo sen barreras

O executivo de Lara Méndez impulsa coa asociación un canal con información para visitar e coñecer a cidade con toda a oferta pública e privada de apoio á accesibilidade.

A plataforma foi deseñada para ser máis intituitiva e adaptada tamén a todos os dispositivos electrónicos, e inclúe o inglés para facilitar a súa consulta.

Recolle información sobre o Lugo Romano e o Lugo Turístico, as zonas verdes da cidade e tamén rutas accesibles.

A edil de Benestar, Olga López, subliñou o compromiso do Goberno de Lara Méndez coa accesibilidade e lembrou que a cidade recibiu xa numerosas galardóns de accesibilidade.

Venres, 15 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello e Auxilia actualizan a web de Lugo Accesible para facilitar unha cidade inclusiva e un turismo sen barreras

O executivo de Lara Méndez, en colaboración con Auxilia, da un paso máis cara a acadar unha cidade inclusiva e sen barreiras. Para iso, a través da concellería de Benestar relanza a web de Lugo Accesible (https://lugoaccesible.com/), mellorando o canal existente e actualizando toda a información de interese para que as persoas con algún problema de discapacidade poidan visitar e coñecer a cidade e todos os recursos públicos e privados a súa disposición.

A web foi presentada hoxe pola edil de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, e o vogal de Auxilia Lugo, Aquilino González. A nova plataforma foi deseñada co obxectivo de que “sexa máis intituitiva e adaptada tamén a todos os dispositivos electrónicos, e recolle información de interese sobre como visitar a cidade sen barreiras arquitectónicas,  tanto a parte histórica e cultural, así como de organismos públicos, pero tamén ofrecendo toda a oferta de turismo accesible de hoteles, cafeterías e restauración”, sostivo a concelleira.

Con este fin de “impulsar o turismo accesible se incluíu tamén a información en inglés”. Ademais, engadiu Olga López, "existe un apartado para que as persoas poidan derivar a través dela as queixas e suxestións sobre barreiras arquitectónicas, e así axudarnos a avanzar na mellora da cidade neste sentido".

Nestes traballos, a asociación Auxilia participou no proceso de renovación e facilitou todo o contido e fotografías aos creativos ao tempo que supervisaron que todo estivera correcto, xa que “o fundamento para desenvolver unha web accesible radica en comprender que as persoas acceden a Internet de modos diferentes e por iso foi moi importante a súa participación para que a partir desta mellora máis usuarios poidan ter acceso á información”, sinalou Racamonde.

Na web se lembra xa no seu inicio que “Lugo é unha cidade moi accesible ao visitante. Sobre todo o seu caso histórico onde se poden visitar prácticamente todos os monumentos que se sitúan nun espazo asumible para calquera desprazamento, con boa pavimentación, rúas peatonais e total ausencia de barreiras arquitectónicas”.

A edil subliñou o compromiso do Goberno de Lara Méndez coa accesibilidade, a inclusión e as oportunidades para todas as persoas en condicións de equidade. “Nesta liña de facer unha cidade inclusiva, onde todas e todos se poidan ver integrados, hai un meses dispoñíamos nos semáforos de pictogramas para persoas con autismo e acabamos de instalar as primeiras plataformas de autobús accesibles, entre outras accións a destacar”. Así mesmo, tamén adiantou que se sigue traballando para adaptar e facer accesibles todos os pasos de peóns.

Asi mesmo, a concelleira agradeceu o traballo dos colectivos, neste caso de Auxilia, “que non só reivindican melloras senón que realizan campañas de sensibilización de gran importancia”.

Froito deste “traballo constante desenvolvido da man das asociacións”, Lugo conseguiu avances que foron premiados con prestixiosos recoñecementos de nivel nacional e internacional, como o Premio Nacional Reina Sofía de Accesibilidade; a distinción de Destino Turístico Accesible de España (2015); a Mención Especial nos Premios Europeos de Accesibilidade -Access City Award- (2016); e a declaración como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica (2019). O Concello de Lugo mesmo foi convidado no 2017 pola Comisión Europea a expoñer en Bruxelas o seu modelo de cidade con motivo do Día Europeo da Discapacidade.

Olga López tamén insistiu na necesidade de alcanzar unha sociedade plenamente inclusiva na que todas as persoas conten e dispoñan das mesmas oportunidades, subliñando que “todos e todas achegamos para alcanzar unha convivencia xusta, todas e todos somos iguais en dignidade e en dereitos”.  

Pola súa banda Aquilino González deu as grazas ao Concello polo interese en colaborar nesta acción e levar proxectos comúns que mellorará a calidade de vida de moitas persoas”.

A nova web:

Actualmente, a web recolle diferentes apartados encamiñados a facilitar a visita da persoa con mobilidade reducida á cidade. Recolle información sobre Lugo Romano, Lugo Turístico, as zonas verdes da cidade e tamén rutas accesibles. Concello e Auxilia queren facilitar que as persoas que decidan visitar a cidade poidan escoller o establecemento hoteleiro que mellor se corresponda coas súas necesidades. Tamén se recolle un apartado de mobilidade onde as persoas poden atopar as diferentes vías de transporte e todo o relacionado con este. Para finalizar existe tamén un apartado de suxestións, ben para poñer queixas sobre barreiras arquitectónicas que se podan atopar ou ben para incluír o seu local na web de accesibilidade municipal.

Audio

Web Concello - Auxilia | Descarga Mp3

 

Noticias relacionadas