O Concello destina preto de 72.000 euros á iluminación ornamental durante as festas de San Froilán e Nadal

Carmen Basadre informou de que a entidade local saca a licitación en dous lotes este alumeado. As empresas poderán presentar as súas ofertas dende hoxe, tras a súa publicación no BOP, e durante o prazo de 15 días

Xoves, 25 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello saca a licitación en dous lotes a iluminación ornamental en varias rúas da cidade durante as festas de San Froilán e Nadal por un importe de case 72.000 euros, tal e como informou este xoves a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen detallou que “o obxecto é a subministración mediante aluguer e a instalación deste alumeado para celebrar estes festexos”.

O primeiro lote, corresponde coa iluminación para as festas do San Froilán, terá unha duración dende o 30 de setembro ata o 12 de outubro no recinto feiral e do 4 ao 12 de outubro para o resto da cidade. O importe deste lote ascende a 30.148 euros.

No caso do segundo lote, trátase do alumeado ornamental durante o Nadal, que se instalará dende o 2 de decembro de 2016 ata o 6 de xaneiro de 2017, por un importe total de 41.575 euros.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas dende hoxe, tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e durante o prazo de 15 días. O anuncio de licitación pode consultarse no BOP, así como no perfil do contratante do Concello a través páxina web www.lugo.gal.

Ademais, aínda está aberto o prazo para presentar ofertas para a instalación das casetas e caldeiros de polbo ata o ano 2019. A entidade local tamén mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar na feira de gastronomía e artesanía Gastroarte, que este ano se muda á rúa Puro Cora, e para a contratación da produción integral de espectáculos, por lotes, na Praza Horta do Seminario, na Praza de Santa María e no patio do Edificio Administrativo do Concello.

A maiores, o Concello ten aberto o prazo de inscrición para o 3º Concurso de Polbeiras e Polbeiros do San Froilán ata o 23 de setembro, onde poderán participar un máximo de oito profesionais de Galicia.

Noticias relacionadas