O Concello de Lugo tínguese o sábado á noite de amarelo con motivo do Día Internacional da Síndrome Rubistein - Taybi

Venres, 02 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo iluminará a noite do sábado, a partir das 23:00 horas, a fachada da Casa Consistorial de cor amarelo con motivo da celebración, o 3 de xullo, do Día Internacional da Síndrome Rubistein – Taybi, a petición da Asociación Española desta enfermidade.

“Ilumínate de amarelo e brilla connosco” é o lema da iniciativa coa que colabora a Administración Local e que pretende axudar na difusión e divulgación desta patoloxía, aumentando o coñecemento da síndrome non só entre a poboación xeral senón tamén, e especialmente, entre os profesionais da saúde que interveñen tanto no diagnóstico como no tratamento e seguimento das persoas con SRT.

A Síndrome Rubistein – Taybi é un trastorno xenético, habitualmente esporádico, é dicir, único na familia, debido a cambios ou mutacións en distintos xenes que xogan un papel importante no desenvolvemento de diferentes órganos e sistemas.

En preto da metade de casos de SRT (47%) non se logra identificar a súa causa, polo que debe existir outro ou outros xenes aínda por descubrir. As características principais das persoas con SRT inclúen a talla baixa, a microcefalia (cabeza pequena), trazos faciais particulares, primeiros dedos de mans e pés anchos e en ocasións angulados, e un grao variable de atraso do desenvolvemento psicomotor e de discapacidade intelectual.

Noticias relacionadas