O Concello de Lugo realizou no que vai de ano unha vintena de contratacións vencelladas ás Bolsas de Emprego Municipais

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, avanzou que a área de Persoal se nutrirá con 4 novos auxiliares administrativo/as para dar impulso á súa tramitación.

A maioría dos postos cubertos se corresponden coas categorías de Oficial Lector, Traballador/a Social, Arquitecto/a, Analista Programador/a, Enxeñeiro/a e Auxiliar Administrativo/a.

A orde de publicación das listas atendeu a criterios de urxencia segundo as necesidades detectadas pola Administración para ocupar as prazas vacantes nos servizos con maior carga de traballo.

As Bolsas de Emprego son unha das medidas adoptadas polo Executivo de Lara Méndez, xunto á entrada en vigor da RPT ou á convocatoria de OPEs, coas que se persegue efectivizar os recursos municipais en prol da atención á cidadanía.

Mércores, 24 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo realizou no que vai de ano unha vintena de contratacións vencelladas ás Bolsas de Emprego Municipais

O Concello de Lugo realizou no que vai de ano unha vintena de contratacións vencelladas ás Bolsas de Emprego Municipais.

Así o trasladou esta mañá a tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, que tamén explicou que, entre elas, figuran 4 novos auxiliares administrativo/as cos que a área de Persoal se fornecerá neste exercicio para dar impulso á súa tramitación.

“A creación destas Bolsas espertou, dende o inicio, moitísimo interese entre a cidadanía lucense de maneira que recibimos en torno a 12.000 solicitudes para as 42 categorías profesionais habilitadas e propiciou, alén, o nomeamento de tres funcionarios interinos para abordar con celeridade o procedemento”, indicou Paula Alvarellos.

A responsable da área económica sinalou que a orde de publicación das listas atendeu a criterios de urxencia segundo as necesidades detectadas pola Administración para ocupar as prazas vacantes nos servizos con maior carga de traballo.

“Foi o caso de traballadore/as sociais (4), auxiliares administrativo/as (5), pero tamén de arquitecto/as (2), oficial lector/a de contadores, analista programador/a ou enxeñeiro (1 c/u) para os que estas Bolsas supuxeron unha importante oportunidade laboral nun momento de especial dificultade pola situación de incerteza económica que xerou a crise sanitaria”, subliñou a concelleira.

Alvarellos Fondo lembrou que o obxectivo das Bolsas de Emprego era crear listas de substitución naqueles departamentos nos que se vén detectando unha demanda frecuente de profesionais que permitan garantir a continuidade da actividade que se desenvolve nestas áreas, sen que se vexan afectadas por circunstancias como as baixas laborais, a chegada de períodos vacacionais ou o incremento puntual das tarefas que teñen asignadas.

“Son, xunto co resto de medidas adoptadas polo Executivo de Lara Méndez, como a entrada en vigor da RPT ou a convocatoria das OPEs, outro paso máis para mellorar a atención que a Administración local presta á veciñanza, posibilitando a provisión dos postos de traballo que poidan atoparse vacantes nun momento dado”, destacou a tenente de alcaldesa.

Paula Alvarellos engadiu tamén que “estas bolsas teñen unha vocación permanente, xa que queremos que se constitúan como un recurso ordinario máis para garantir o bo funcionamento da Institución, polo que se someterán a unha revisión anual co fin de refrescar os datos das persoas inscritas, incorporar solicitudes ou engadir outros perfís”.

“Un cometido que pretendemos mecanizar dende un programa informático, cuxa adquisición xa se contempla nos orzamentos do 2022 e que se encargará do seu mantemento constante, para simplificar o proceso, o que nos converterá no único Concello de Galicia en dispoñer dun sistema permanentemente actualizado”, concluíu a responsable de Gobernanza.

Noticias relacionadas