O Concello de Lugo porá en marcha un novo obradoiro de emprego dirixido ao turismo e a cultura, o Cultur@ Lvcvs

O obradoiro, destinado a 23 desempregados, terá unha duración de seis meses e realizarán as prácticas nos museos da cidade

Luns, 11 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Alcalde e a Concelleira de Desenvolvemento Local

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Desenvolvemento Local, Rosana Rielo, anunciaron esta mañá a concesión dun novo obradoiro de emprego especializado en potenciar a cultura e o turismo baixo o nome de Cultur@ Lvcvs .

López Orozco explicou que o obxectivo deste obradoiro é aproveitar as potencialidades que ten Lugo en materia de cultura e turismo e “acabamos de recibir a confirmación da concesión da subvención para levar a cabo este proxecto”. Ademais de que o proxecto Cultur@ Lvcvs foi un dos máis valorados na Consellería de Traballo á hora de conceder as subvencións.

Neste sentido, tamén incidiu na “experiencia que ten o Concello no desenvolvemento deste tipo de obradoiros e o mellor exemplo son o Arqueo Lvcvs e o Vrbs Lvcvs que permitiron dixitalizar unha parte importante do noso patrimonio histórico e documental”.

O obradoiro Cultur@ Lvcvs conta cun orzamento de 204.318 euros e está destinado a 23 persoas desempregadas cunha duración total de 6 meses nos que se inclúen as prácticas na rede museística municipal.

Como explicou a Concelleira de Desenvolvemento Local, o obradoiro conta con tres especialidades diferentes: Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais (8 prazas); Interpretación e Educación Ambiental (7 prazas); e Promoción Turística Local e Información ao Visitante (8 prazas). E teñen como obxectivo a creación e desenvolvemento de proxectos de animación cultural que busquen a promoción das actividades, a creación dun canle cultural público e virtual, a creación e desenvolvemento de visitas guiadas en contornas naturais e as principais características medio ambientais da zona, e tamén a atención e asesoramento dos visitantes ante a solicitude de información turística e a planificación dunha campaña turística.

Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos ademais de que se aproveitarán os recursos do Concello como é a rede de museos ou os programas culturais para a realización das prácticas. Rosana Rielo tamén explicou que a selección de persoal será a través das Oficinas de Emprego como nos programas anteriores.

Audio

Noticias relacionadas