A iniciativa Comestibles, posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez, busca ofrecer unha alternativa de ocio coa que facilitar a conciliación familiar, ao tempo que se fomenta a creatividade e o respecto polo medio ambiente entre a xuventude
Durante as merendas levaranse a cabo obradoiros de gravado e serigrafía comestible e cinema comestible, en grupos de 15 nenas e nenos
As inscricións permanecerán abertas dende mañá a través do espazo habilitado na páxina web www.concellodelugo.gal, ata o vindeiro 2 de xullo, ás 20:00 horas. Haberá 30 prazas dispoñibles cada día, 90 en total

O Concello de Lugo organiza os días 3, 4 e 5 de xullo a iniciativa Comestibles, no entorno do río Miño, concretamente a carón da área recreativa de Os Robles, dirixida a nenas e nenos de 8 a 14 anos. Trátase de merendas saudables e artísticas, a través das que fomentar a creatividade dos participantes, ao tempo que se difunde unha mensaxe de defensa do medio ambiente, con accións encamiñadas á concienciación e á aprendizaxe.
A iniciativa, posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez a través de Europa Direct, da área de Desenvolvemento Local e Emprego, será totalmente gratuíta para os participantes e constitúe unha alternativa de ocio para facilitar a conciliación familiar, logo do levantamento do Estado de Alarma e a reapertura dos parques e espazos públicos. En total haberá 90 prazas dispoñibles, 30 cada día.
As merendas, que terán lugar en horario de 17:00 a 19:00 horas, incluirán alimentos saudables como: froitas, verduras, iogures, zumes, pans integrais ou cereais. No caso de que o neno/a teña algún tipo de alerxia ou intolerancia alimentaria deberán indicalo na folla de inscrición.
Ao longo de cada xornada levaranse a cabo dous obradoiros, contando coa participación de 3 monitores:
- Gravado e serigrafía comestible: Aprender técnicas de gravado e serigrafía sobre elementos comestibles
- Tostadas gravadas: seguindo o debuxo de cada participante
- Serigrafiadas con: guacamole, crema de pementos do piquillo, salsa de remolacha
- Estarcidas con: cenoria, xema de ovo, clara de ovo e oliva
- Cinema comestible: Os ingredientes que compoñen as merendas (froitas, verduras, iogures, zumes, pans integrais, cereais...) cobrarán vida e contarán historias sobre os efectos do comportamento humano no planeta. Cada grupo desenvolverá unha historia que será gravada coa técnica de Stop Motion e cos elementos que compoñen as merendas. Farase un arquivo das películas para a súa posterior difusión
Cada día formaranse dous grupos de 15 nenas/os e realizarán dous obradoiros cada un de gravado e serigrafía comestible e cinema comestible. As diferentes accións levaranse a cabo seguindo as medidas de hixiene e seguridade e as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias relativas á protección contra o COVID-19: haberá xeles hidroalcólicos e tamén se repartirán entre os participantes outros obxectos como gorras ou crema solar.
As inscricións permanecerán abertas dende este domingo a través do espazo habilitado na páxina web do Concello www.concellodelugo.gal, ata o vindeiro mércores 2 de xullo, ás 20:00 horas. Para participar será necesario completar o formulario cos datos do interesado. As prazas cubriranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes.