O Concello de Lugo inicia unha campaña de vixilancia para garantir que o bus urbano poida acceder ás paradas reservadas

A alcaldesa de Lugo e o Intendente xefe do Corpo supervisaban hoxe o primeiro dispositivo de control que tratará de poñer freo a unha conduta que se volveu abusiva.

Dous axentes uniformados viaxarán mañá e tarde nos autobuses para detectar e sancionar as infraccións, tipificadas como graves, e que levan aparellada unha multa de 200€.

A finalidade é disuadir ás e aos condutores desta práctica que afecta á seguridade das persoas usuarias do transporte público e condiciona toda a circulación da cidade.

Venres, 02 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo inicia unha campaña de vixilancia para garantir que o bus urbano poida acceder ás paradas reservadas

9:30 da mañá. O autobús da liña 1.3 que comunica o Campus co Ceao a través de Fontiñas inicia o seu percorrido diante do Edificio de Sindicatos na Rolda da Muralla.

Aos poucos minutos de traxecto, o chófer non ten máis remedio que obstaculizar toda a calzada, impedindo a marcha do resto da circulación para permitir que as persoas usuarias entren e saian do transporte público porque a parada está ocupada por vehículos particulares.

A manobra é rexistrada por dous axentes uniformados da Policía Local que tamén van a bordo para vixiar o uso indebido destas zonas como prazas de aparcamento ordinario. A infracción se salda cunha sanción de 200 euros trala cal, autobús e efectivos policiais continúan, respectivamente, co seu servizo.

Esta escena obedece á campaña de control que o Concello de Lugo acaba de poñer en marcha para disuadir ás e aos condutores de realizar estacionamentos indebidos nas prazas do bus urbano. Unha práctica tipificada como grave e sobre a que a Policía Local vén detectando un abuso nos últimos meses.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o Intendente xefe da Policía Local, Jesús Piñeiro, acompañaban, a primeira hora do día, aos efectivos que formarán parte deste operativo cuxa duración é, por agora, indefinida xa que a súa permanencia dependerá, en boa medida, do grao de concienciación que se acade na poboación.

A rexedora sinalaba os importantes prexuízos que este comportamento ocasiona ao conxunto xeral da cidade.

“Falamos de que dificulta as manobras do propio transporte público, xera atrasos no total das liñas, entraña risco para as persoas usuarias do servizo que deben invadir a calzada para acceder ao bus, e afecta ao tráfico rodado ralentizando toda a circulación viaria polo que cómpre incidir na necesidade de respectar a sinalización existente, xa non só como unha obriga que debemos acatar senón tamén porque de non facelo estamos condicionando toda a mobilidade da capital”, subliñou Lara Méndez.

Pola súa banda, Jesús Piñeiro indicou que o dispositivo se manterá en quenda de mañá e tarde, facendo fincapé en zonas e franxas horarias moi concretas onde se rexistra unha reiteración excesiva deste tipo de infraccións e lembrou ás e aos conductores que a Lei de Seguridade Vial non permite nin estacionar nin tampouco parar nestes espazos reservados ao autobús. “Incumprilo será motivo de multa económica e pode conlevar tamén á retirada do vehículo polo guindastre municipal”, engadiu.

Multimedia

  • O Concello de Lugo inicia unha campaña de vixilancia para garantir que o bus urbano poida acceder ás paradas reservadas

Noticias relacionadas