Paula Alvarellos homenaxea aos pedáneos do municipio “cuxo papel é esencial para que o rural siga sendo un lugar de oportunidades”

A rexedora presidiu o acto de homenaxe a esta figura que tivo lugar na Casa Consistorial, coincidindo co Día do Mundo Rural e a celebración de San Isidro Labrador.

Alvarellos: “Lugo non se pode entender sen a súas parroquias; son parte fundamental da nosa identidade, das nosas tradicións e da nosa cultura como pobo”.

No acto brindouse unha homenaxe especial ao recentemente falecido Servando Escolante, pedáneo de Esperante e a Dositeo Devesa, pedáneo de Orbazai desde hai 60 anos.

Mércores, 15 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos homenaxea aos pedáneos do municipio “cuxo papel é esencial para que o rural siga sendo un lugar de oportunidades”

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada da concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, presidiu este mércores o acto de homenaxe que o Goberno local organizou na Casa Consistorial para os pedáneos e pedáneas das 54 parroquias do municipio, coincidindo co Día do Mundo Rural e a celebración de San Isidro Labrador.

“Creo que esta merecida homenaxe é a mellor forma de celebrar o Día do Mundo Rural, xa que cada un de vós representades unha canle aberta entre as demandas das nosas 54 parroquias e o Concello. E non é este un comedito menor. De feito, xogades un papel fundamental na xestión municipal e o facedes ademais amosando un traballo e unha implicación admirable, que contribúe decisivamente ao desenvolvemento do noso rural e que  axuda a que os nosos nucleos continúen sendo lugares de oportunidades onde poder desenvolver un proxecto de vida”, apuntou a rexedora.

Alvarellos destacou que “Lugo non se pode entender sen a súas parroquias; son parte fundamental da nosa identidade, das nosas tradicións e da nosa cultura como pobo; creo, sinceramente que Lugo non sería a cidade que é sen toda esta riqueza social que ademais representa o 80 por cento do territorio do municipio e ao 10 por cento da súa poboación”.

“Teño claro que unha das miñas obrigas e responsabilidades como alcaldesa é escoitar as demandas de todos e cada un dos meus veciños e veciñas. E vós representades a voz da veciñanza das vosas parroquais. Por iso, contade sempre coa miña vontade de escoitar, traballar arreo e lograr que Lugo mellore en todo aquelo que sexa necesario” subliñou.

Neste senso, a rexedora avanzou algunha das actuacións que o Executivo  municipal está a promover para mellorar a calidade de vida no rural. “Imos acometer a ampliación ordenada da rede municipal de augas en aquelas parroquias onde por posibilidades técncicas é posible facelo; estamos tamén acondicionando camiños e vías; colaborando coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, para a procura de terreos nos que proceder á instalación de torres coas que mellorar a cobertura móbil nas zonas sen cobertura; e, así mesmo, recentemente procedemos á instalación de 1.400 colectores de lixo e traballamos para mellorar o funcionamento dos locais veciñais e o deseño da programación sociocultural nas parroquias”.

Finalmente, Alvarellos fixo un chamamento tamén ás novas xeracións: “Espero que o exemplo que estades a dar todos e todas, supoña un referente para inspirar aos nosos mozos e mozas e así garantir un relevo xeracional que axude a dar continuidade ao voso traballo”.

No transcurso do acto rendiuse unha homenaxe especial a dous pedáneos: ao recentemente falecido Servando Escolante Peteiro, pedáneo de Esperante, e a Dositeo Devesa Lorenzo, pedáneo de Orbazai, desde hai 60 anos, e que aos seus 92 continúa sendo todo un exemplo de dedicación e compromiso cos seus veciños e veciñas.

Pola súa banda, a responsable da Área de Cohesión Territorial avogou por un “medio rural proactivo, dinámico e emprendedor”, e defendeu “o impulso de políticas que promovan a creación de emprego, infraestruturas adecuadas e servizos de calidade, para que vivir e traballar no rural sexa unha opción viable e atractiva”.

Así mesmo, reiteirou o agradecemento do Goberno Local polo compromiso dos pedáneos e pedáneas e lembrou que “as portas do Concello sempre estarán abertas para escoitar e recoller as vosas propostas, como vía para traballar conxuntamente en beneficio das 54 parroquias do noso municipio”, concluíu Abelleira.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o homenaxe aos pedáneos | Descargar mp3
  • A concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, sobre o homenaxe aos pedáneos | Descargar mp3

Multimedia

  • Paula Alvarellos homenaxea aos pedáneos do municipio “cuxo papel é esencial para que o rural siga sendo un lugar de oportunidades”
  • Paula Alvarellos homenaxea aos pedáneos do municipio “cuxo papel é esencial para que o rural siga sendo un lugar de oportunidades”
  • Paula Alvarellos homenaxea aos pedáneos do municipio “cuxo papel é esencial para que o rural siga sendo un lugar de oportunidades”

Noticias relacionadas