A iniciativa impulsada pola Fundación MAPFRE e a Fundación Konecta concede 450 axudas, a fondo perdido, de ata 515 euros ao mes para novos contratos de traballo indefinidos ou de formación en alternancia.
As solicitudes poderán presentarse na web www.fundacionmapfre.org ata o 30 de xuño ou a concesión total das axudas.
O Concello de Lugo fai un chamamento a todas as pequenas e medianas empresas (PEMES), autónomos e entidades lucenses para que participen no Programa Accedemos, impulsado pola Fundación MAPFRE e a Fundación Konecta. Esta iniciativa ten como obxectivo apoiar a creación de emprego mediante a concesión de doazóns a fondo perdido, de ata 515 euros ao mes, para custear a nómina de persoas contratadas a partir do 1 de xaneiro de 2024, durante un período de 9 meses.
O Programa Accedemos dispón dun total de 450 axudas para novos contratos de traballo indefinidos ou de formación en alternancia e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata a concesión total das axudas ou ata o 30 de xuño de 2024. As persoas ou entidades beneficiarias poderán acceder ás liñas de apoio económico que estarán dotadas das seguintes contías mensuais:
- Xornada completa: 515 euros ao mes.
- Xornada parcial (mínimo 20 horas): 310 euros ao mes.
O executivo de Paula Alvarellos e as entidades promotoras do programa comparten o obxectivo da creación de novos empregos en pequenas e medianas empresas, e facilitar a incorporación ao mercado laboral dos perfís con maiores dificultades para a súa contratación.
O Concello de Lugo considera que esta iniciativa é unha oportunidade excelente para fortalecer o tecido empresarial local, fomentar a contratación e mellorar a situación laboral de moitos cidadáns. Por iso, convida a todas as PEMES, autónomos e entidades do municipio a informarse e participar neste programa.
Para obter máis información e presentar solicitudes, os interesados poden dirixirse ás páxinas web da Fundación Konecta e da Fundación Mapfre ou contactar co servizo de atención ao cidadán do Concello de Lugo.

