O acto terá lugar ás 12.00 horas en O Vello Cárcere e contará coa presenza da Corporación municipal, representantes institucionais e familiares dos homenaxeados.
Xesús Alonso Montero acudirá acompañado da súa familia e recibirá a placa conmemorativa tras a lectura da súa semblanza por parte do poeta e profesor lucense Claudio Rodríguez Fer. A familia de Rafael de Vega estará tamén presente, coa lectura da súa semblanza e recollida da distinción a cargo dos seus netos.
“O compromiso coa educación e coa sanidade públicas que representan Alonso Montero e De Vega son un orgullo para Lugo e un exemplo para as novas xeracións”, salientou o alcalde, Miguel Fernández.

O Concello de Lugo celebrará este sábado, ás 12.00 horas, en O Vello Cárcere, o acto institucional de entrega das distincións de Fillos Adoptivos da Cidade ao médico Rafael de Vega e ao profesor e académico Xesús Alonso Montero, tras o acordo do Pleno municipal do 27 de febreiro. A cerimonia, de carácter sobrio e solemne, estará presidida polo alcalde, Miguel Fernández, e contará coa presenza da Corporación municipal, representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, da Subdelegación do Goberno, dos corpos e forzas de seguridade, así como de ex rexedores e representantes parlamentarios lucenses.
Miguel Fernández destacou que “Lugo é unha cidade que sabe recoñecer a quen traballou por facer dela un lugar mellor, máis xusto e solidario. Alonso Montero e De Vega representan dúas maneiras de servir á sociedade —desde a educación e desde a sanidade—, dous dereitos polos que debemos seguir loitando e que son fundamentais para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria. Ambos compartiron un mesmo espírito de compromiso co ben común e coa igualdade”. O rexedor subliñou que “esta distinción é tamén unha homenaxe aos valores que ambos encarnaron: a defensa do coñecemento, da liberdade e da dignidade humana”.
A proposta de nomeamento fora impulsada no seu día pola entón alcaldesa Paula Alvarellos, quen destacou o valor destas dúas figuras como exemplos de compromiso cívico e humano coa cidade de Lugo.
Rafael de Vega Barrera, médico cirurxián de orixe burgalesa, asentouse en Lugo en 1916 como director do Hospital Provincial. Foi un precursor da sanidade moderna, defensor do dereito universal á atención médica e promotor da construción do Hospital de Santa María, inaugurado en 1930. Tamén foi deputado nas Cortes republicanas e presidente do Comité Republicano de Lugo, desde o que proclamou a chegada da República en 1931. En outubro de 1936 foi fusilado polos sublevados, converténdose nun símbolo da defensa da liberdade e da xustiza social.
O alcalde lembrou que “Rafael de Vega é un exemplo de humanidade, compromiso e entrega. Representa o espírito dunha medicina feita desde a empatía e o servizo ás persoas, e a súa memoria segue viva como testemuña da dignidade e do valor cívico”. Engadiu que “resulta especialmente significativo que este recoñecemento se celebre en O Vello Cárcere, o lugar onde foi encarcerado antes do seu fusilamento, hoxe recuperado como espazo de cultura e memoria, e para o que o Concello de Lugo presentou a candidatura para ser recoñecido oficialmente como Espazo de Memoria Democrática”.
Xesús Alonso Montero, nado en Vigo en 1928, chegou a Lugo en 1960 para exercer como profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio, onde impartiu clases durante máis de quince anos. Formou a xeración de estudantes que renovou a vida cultural da cidade, entre eles poetas e escritores como Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana ou Xesús Rábade Paredes. O seu labor docente e intelectual, unido á defensa da lingua e da cultura galegas, deixaron unha fonda pegada en Lugo. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017 e é autor dunha obra ensaística esencial sobre o idioma e a literatura galega contemporánea.
Fernández subliñou que “Alonso Montero representa o valor do pensamento libre, da palabra e da cultura. É un mestre de mestres, un home que fixo de Lugo un faro intelectual e que ensinou a varias xeracións a amar a lingua galega e a pensar con espírito crítico”.
Durante o acto intervirán representantes institucionais e familiares dos homenaxeados, e a cerimonia contará coa actuación musical da cantante lucense Iria Estévez, que poñerá voz a un evento deseñado para recoñecer con emoción, respecto e gratitude o legado de dous lucenses de corazón que xa forman parte da historia viva da cidade.
O alcalde concluíu sinalando que “as distincións honoríficas como esta non son só un xesto de gratitude, senón tamén un compromiso coa memoria e cos valores que nos definen como cidade. Ser Fillo Adoptivo de Lugo significa formar parte da nosa historia colectiva, e hoxe Lugo quere dicirlles a Alonso Montero e a De Vega que son e serán sempre parte dela”.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o acto institucional de entrega das distincións de Fillos Adoptivos da Cidade | Descargar mp3

